ROSALÍA PAZO MASIDE
Pazo Maside, Rosalía
( A Estrada, Pontevedra, 1956 )
Biografía
Sobriña do célebre pintor galego Carlos Maside, desde moi cedo vai cultivar as relacións artísticas; fundamentais na súa vocación artística. Iníciase no circuíto expositivo en 1981 nunha mostra colectiva na Sala do Ministerio de Cultura de Santiago de Compostela, cidade onde realiza un ano despois a primeira exposición individual. Participa, frecuentemente, en mostras colectivas e certames como o de Novos Valores na bienal de Pontevedra, en repetidas edicións da Mostra Unión Fenosa na Coruña, bienal de Artistas Galegas en Vigo, bienal Pintor Laxeiro en Lalín ou do Certame de Artes Plásticas de Tui; así mesmo está presente na feira de arte contemporánea ARCO coa Galería Bacelos de Vigo. No ano 2000 forma parte da colectiva Diálogos co silencio en San Domingos de Bonaval. A súa obra está representada no Museo Carlos Maside de Sada (A Coruña), Concello de Tui, Museo Municipal do Barco de Valdeorras, Deputación de Ourense, e en diversos centros de ensino, hospitais etc. De espírito inquieto e activista, comisariou exposicións colectivas; escribiu poemas, artigos de opinión en xornais galegos e textos teóricos en relación coa súa obra, a doutros artistas e coa arte, en xeral, en diversas publicacións; foi membro do comité de redacción da publicación Sinal e colaboradora do suplemento cultural do Faro de Vigo; formou parte dos colectivos artísticos Tornillo de Santiago e TRANS de Vigo; explorou o deseño de estampados e colabora no grupo I+D Fondo de Arte e Cultura Contemporánea, da Universidade de Vigo. Reside en Covelo e está casada desde 1986 co artista galego de adopción Jesús Valmaseda, do que escribiu no catálogo Visión epidérmica.
Artista multidisciplinar, ecléctica, innovadora, que foxe do encadramento, explora fundamentalmente as tres dimensións co obxecto atopado: a ensamblaxe, a escultura e a instalación, que compaxina coa pintura e mais o debuxo. O seu espírito indagador e inquieto lévaa a fusionar distintas disciplinas e a traballar con diferentes técnicas e materiais, así como a integrar o texto na súa produción, de modo que os títulos que completan a interpretación da obra e, a partir do ano 2002, como elemento fundamental da súa linguaxe artística. A súa obra a nivel formal caracterízase por un conceptualismo xeométrico. O seu traballo busca a conciliación de opostos, en relación coa súa visión concertadora, e na súa pintura —serena e de paleta neutra— xoga con capas superpostas e transparencias. O seu discurso —de tonalidades líricas— ten referencias á figura humana, ao mundo vexetal e á natureza. Dentro da escultura pública, destaca o proxecto que realiza en compañía do seu marido e que leva por título Piélago.
Na obra pictórica Sin título —en técnica mixta sobre lenzo— que figura na Colección Afundación, realiza un exercicio xeométrico a través do xogo entre círculos, cadrados e retículas. Combina as gamas neutras en ocres, verdes e algunhas zonas de tea sen pintura que deixan ao descuberto a trama do tecido. A rigorosa e calculada composición de formas repetidas, que en aparencia pode resultar fría, contén unha emotividade evocadora e unha serenidade inefable, e exemplifica o carácter innovador propio da artista.
Bibliografía
-VV. AA.: II Bienal de Artistas Galegas. Vigo, Concello, 1990. -González Alegre, Alberto: A parte e o todo. 1991. -II Mostra Unión Fenosa. A Coruña, 1991.