XAIME QUESADA BLANCO
Quesada Blanco, Xaime
( Ourense, 20 de diciembre de 1975 - Vilar de Astrés, Ourense, 21 de junio de 2006 )
Biografía
Xaime Quesada Blanco, naceu nunha familia de artistas, no enriquecedor ambiente pictórico que emanaba da figura de Xaime Quessada Porto. A súa imaxe, traballando no estudio, espertou unha tendencia natural cara á actividade paterna que lle permitía xogar cos pinceis e realizar os seus primeiros debuxos e acuarelas. Decidido a dedicarse profesionalmente á pintura, iniciou os seus estudos na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, que finalmente abandonaría para continuar a súa formación baixo o amparo paterno, con quen perfeccionou as técnicas pictóricas e experimentou os espazos compositivos que se adaptaban ás súas ideas estéticas. O contacto diario cun pintor consagrado ao que acompañaba nas súas exposicións, enriqueceu os seus coñecementos mentres as súas tendencias estéticas ían da abstracción de Kandinsky, Mondrian ou Malevich á figuración expresionista de Franz Marc e Egon Schiele, autores que influirían nas obras da súa primeira etapa creativa.
Despois das exposicións de mediados dos anos noventa, Quesada Blanco, afastado xa das influencias iniciais, comezou unha etapa na que parecía atopar o camiño estético definitivo: a súa pintura medraba baixo a velada influencia da obra cinética de Eusebio Sempere, a abstracción lineal de Pablo Palazuelo e, sobre todo, a Op Art de Víctor Vasarely. Incomodo co óleo, movíase con máis facilidade coa técnica mixta e coa materia acrílica, que se adaptaba mellor á súa forma de entender un proceso creativo que tiña lugar nunha especie de espazo cibernético, onde utilizaba sprays, pistolas, compresores e cámaras de alta resolución para crear as súas obras ou reelaboralas dixitalmente. O resultado final ofrecía unha liña estética moi variada, dun lado atopámonos cunha abstracción xeométrica, de cuadrículas e liñas afíns á arte visual de Vasarely, con obras nas que predominaba o cromatismo de metalizados, azuis, vermellos, amarelos e laranxas “fosforito”, cores planas, sen matices, pero intensas e de gran forza expresiva que iluminaban as formas xeométricas expandidas polo lenzo na orde que determinaba o seu autor para dar unha sensación óptica e de musicalidade; doutro lado, unha pintura cibernética, como un produto da fusión entre ciencia e técnica da imaxe, técnicas mixtas ou creacións dixitais que transmitían vida e optimismo así como as súas ideas ante un futuro para a pintura que intuía ligado á dixitalización e á robótica e que anticipaba cos títulos das súas series: Win-Zip, Armagedón, Encadramento e distorsión, Estruturas metálicas, Corrente alterna ou Blade Runner, presente na Colección Afundación.
A súa carreira expositiva, temporalmente curta pero intensa, deu un salto cualitativo no primeiro lustro do século XXI no que realizou grandes exposicións nas principais cidades de Galicia. Realizou tamén as súas primeiras incursións no deseño gráfico e no cartelismo, na ilustración de libros e na instalación de varios murais e unha escultura de grandes dimensións en Pontevedra, Homenaxe ao Camiño de Santiago (2001). O seu prematuro falecemento cando a súa obra comezaba a formar parte de coleccións de arte de institucións públicas e privadas impediu a proxección dun traballo artístico para o que historiadores e críticos auguraban un prometedor futuro.
José Gómez Alén
Bibliografía
CONFLUENCIAS, 1975-2006, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 2012.
Jaime Quesada Blanco, Control P, Museo Municipal de Ourense, Ourense, 2003.
QUESADA, X.: Carta ó meu fillo. Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1996.
XAIME Quesada Blanco, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1996.
XAIME Quesada Blanco, Concello de Ourense, Ourense, 1999.
XAIME Quesada Blanco, Jaime Quesada Porto, Caixanova, Vigo, 2006.
XAIME Quesada Blanco, 1975-2006, Nova Galicia, Vigo, 2006.
XAIME Quesada Blanco, Casa de Galicia, Madrid, 2006.
XAIME Quesada Blanco, novembro 2006, Fundación Xaime Quesada Blanco. Ourense [https://www.youtube.com/watch?v=mCqq4v8Fiho]