ROMÁN RIBERA
Ribera Cirera, Román
( Barcelona, 13 de diciembre de 1848 - 29 de mayo de 1935 )
Biografía
Inicia a súa formación na Escola de Belas Artes da Llotja de Barcelona, onde ten como mestre a José Serra e Porson, e na academia de Pere Borrell. Trasládase a Roma en 1873, onde completa a súa formación na Academia Giggi e no Círculo Internacional de Belas Artes. Alí coñece a Mariano Fortuny, e realiza a súa primeira obra, Los saltimbanquis en un día de nieve, que vende inmediatamente ao espertar o interese do soado marchante Goupil e supón o inicio do seu éxito internacional. Catro anos máis tarde instálase en París, onde ten como marchante a Goupil, e en 1878 concorre ao Salón de París. En 1881 participa na Exposición Nacional de Belas Artes de Madrid, e dous anos máis tarde concédeselle a Encomenda de Isabel a Católica. Prosegue a súa traxectoria expositiva en París, á vez que frecuenta galerías españolas como Pedro Bosch e Ricardo Hernández de Madrid, e á barcelonesa Sala Parés. Retorna a España definitivamente en 1887 e establécese na súa cidade natal, onde obtén ao ano seguinte unha medalla na Exposición Universal. Posteriormente, expón en Barcelona nas Exposicións Xerais de Belas Artes (1891 e 1894), no Ateneo barcelonés (1893), de maneira recorrente na Sala Parés e na Sala Rovira. A súa actividade expositiva continuará nas seguintes décadas, pero a súa saúde mental e física deteriorarase enormemente. En 1901 é nomeado membro da Xunta Municipal de Museos e en 1915 socio de mérito do Círculo Artístico de Barcelona. A súa obra atópase representada no Museo Nacional de Arte de Cataluña, no de Belas Artes de Badaxoz ou no da Abadía de Montserrat (Barcelona).
Artista interesado polo concreto e a anécdota, do mesmo xeito que outros pintores cataláns da segunda metade do XIX como Miralles ou Masriera, destaca especialmente na pintura de xénero. Na súa pintura domina unha pincelada lixeira e minuciosa, e un cromatismo cálido. Aínda que nun primeiro momento déixase seducir polo estilo academicista de Fortuny, pronto en París enfróntase a unha dicotomía, pois por unha banda ansía representar a realidade social das rúas parisienses ─sentir manifestado xa nos seus inicios na academia Borrell─ pero, doutra banda, a nivel comercial ten unha notable demanda de temáticas relacionadas coa vida burguesa, cun protagonismo do retrato da figura feminina, bela, nova e refinada. No seu regreso a Barcelona representa numerosas «Salidas de baile», tema recorrente no que fusiona escenas típicas urbanas da alta sociedade co retrato feminino. De maneira paralela, desenvolve así mesmo unha temática de escenas seiscentistas que teñen moito menor interese.
O óleo Limpiando los bronces de la iglesia (1883), da Colección Afundación, responde o estilo realista propio do século XIX que se focalizaba na captación dun momento determinado (o denominado realismo fotográfico). Trátase dunha escena de acento tenebrista, que evoca a pintura do XVII, protagonizada por un sancristán de avanzada idade sentado de corpo enteiro e en tres cuartos representado no seu quefacer diario, rodeado de obxectos de bronce e nunha actitude reflexiva. Contrasta a veracidade coa que representa a figura central, a expresividade do rostro, e as calidades dos obxectos situados en primeiro plano mediante o uso unha pincelada detallista nunha paleta restrinxida, coa pincelada moito máis solta que emprega no fondo neutro e en certos elementos situados nas marxes da superficie pictórica o que incrementa a sensación de tempo detido da escena.
Bibliografía
GAYA Nuño, J. A.: "Arte del siglo XIX", Vol. XIX, en Ars Hispaniae, Plus Ultra, Madrid, 1966.
GONZÁLEZ, C. e MARTÍN, M.: Pintores españoles en Roma (1850- 1900), Tusquets, Barcelona, 1987.
VV. AA.: Diccionario de pintores y escultores españoles del siglo XX, Tomo 12, Forum Artis, Madrid, 1994, p. 3574.