MERCEDES RUIBAL
Ruibal Argibay, Mercedes
( Xeve, Pontevedra, 1928 - Madrid, 10 de abril de 2003 )
Biografía
Membro dunha familia de grandes inquietudes artísticas: o seu pai era un apaixonado da música e mais a literatura, a nai unha pintora naíf, o seu irmán José dramaturgo e a irmá Ángeles cantante. A súa infancia e a adolescencia transcorren en Xeve ata que, por mor da guerra civil, emigra a Arxentina. Iníciase na pintura en Bos Aires con Laxeiro como amigo, mentor e mestre. Alí realiza a primeira individual na sala Rose Marie en 1956. Regresa a Galicia en 1957 e, tras realizar unha serie de exposicións en Vigo, trasládase a Madrid onde traballa como deseñadora de cerámica, visita repetidamente O Prado, e establece unha relación cos artistas dos faladoiros do Café Gijón. En 1959 casa co arquitecto e pintor Agustín Pérez Bellas. Vivirán principalmente en Vigo, aínda que conservarán a vivenda en Madrid. Percorren medio mundo e residen en Roma, onde establecen amizade con Alberti —que lle dedica poemas e escribe sobre a súa pintura— e realiza exposicións de notable éxito. En Vigo frecuenta a Taberna de Eligio, onde se relaciona con Lugrís, Laxeiro ou Lodeiro. A intensa vitalidade lévaa a pintar, escribir e viaxar. A súa peculiar personalidade aparece reflectida no seu texto Confesiones de volatinera con bragas de repuesto al dorso (1978) ilustrado por Pérez Bellas. Amosou a súa obra en destacadas cidades galegas, así como en Madrid, Bos Aires, Roma, Florencia, Lisboa, París ou Londres, e foi galardoada co segundo premio Kramer na Bienal Hispanoamericana de Arte de 1964, Premio Reconquista e nomeada viguesa distinguida en 1992. A súa pintura figura en coleccións como a do Museo Provincial de Pontevedra, Museo Carlos Maside na Coruña, Museo Municipal de Vigo Quiñones de León, Museo de Arte Contemporánea de Chile, Museo de Arte Contemporánea de Nicaragua, e en coleccións privadas.
A súa pintura caracterízase por un expresionismo moi persoal, irónico, e crítico onde a influencia primitiva e do románico se evidencia nos rostros anenados dos seus personaxes. Discípula de Laxeiro, atopa outros dos seus referentes en Rouault e no Goya das pinturas negras. As súas composicións acostuman situarse en espazos imprecisos onde plasma os seus personaxes a través dun esquemático debuxo, unha pincelada curta e un colorido no que predominan o negro, o carmín e o azul. Fiel á súa época e mais ás súas conviccións políticas, a denuncia e a crítica social fan acto de presenza na súa produción.
Na Colección Afundación figuran cinco obras. A máis temperá, Figuras (1980), un gravado —técnica menos frecuente nesta autora— no que se aprecian as súas características figuras femininas e expresivas caras de ollos riscados e fazulas remarcadas, xunto con motivos vexetais. En Mujer (1981), unha figura feminina con ornamentos vexetais na cabeza e flores na man (forman parte da súa iconografía máis habitual) parece elevarse nun sombrío espazo —propio das súas composicións— cunha luz ao fondo. O virtuosismo e a beleza decorativa definen Hermanas e Danza, de 1990, de novo sobre un fondo escuro resaltan baixo unha perspectiva frontal os corpos de dúas nenas cheos de puntos de variadas cores e flores como adorno. En Bosnia I (1993) reflexiona sobre os horrores da guerra, as figuras esquematízanse e vólvense case grafismos nos que se adiviñan rostros con miradas profundas e bocas semiabertas nunha abarrocada composición de cores exultantes (que roza a abstracción completa).
Bibliografía
-Gaya Nuño, J. A.: La pintura española del siglo XX. Madrid, Ibérico Europea de Edic., 1970. -Campoy, A. M.: Diccionario crítico del Arte Español contemporáneo. Madrid, Ibérico Europea de Edic., 1973. -Chamoso Lamas, Manuel: "Arte", en Galicia. Barcelona, Edit. Noguer 1976. -Mon, Fernando: Pintura contemporánea en Galicia. A Coruña, Caixa Galicia, 1987. -Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981. -II Bienal de artistas gallegas. Vigo, 1990. -VV. AA.: Mercedes Ruibal. Vigo, Concello, 1993.