SEVILLANO
Sevillano Estremera, Ángel
( Vigo, 31 de enero de 1942 - Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, 28 de julio de 1994 )
Biografía
Fillo do xornalista e poeta Ángel Sevillano García, a súa infancia transcorre nun ambiente intelectual- católico. A relación do seu pai con escritores, arquitectos e artistas como Laxeiro, Colmeiro ou Lugrís, afianza o seu interese pola arte. Compaxina os estudos de bacharelato con clases nocturnas na Escola de Artes e Oficios, onde ten como mestre a Luis Torras. Apoiado polo seu pai, e cunha bolsa da Deputación de Pontevedra, ingresa na Escola de Belas Artes de San Carlos en Valencia, onde cursa os dous primeiros anos. Continúa en San Fernando, Madrid, onde remata en 1967. Comeza a súa actividade expositiva en Vigo, ás que seguirán outras en numerosas cidades de España, Europa e América do Sur. Compaxina a faceta artística coa de profesor de Debuxo en institutos de ensino medio en Vigo, Santiago ou Carril, ao mesmo tempo que exerce de ilustrador no diario madrileño Arriba e noutras publicacións. A mediados dos oitenta trasládase a América do Sur e establécese durante catro anos en Venezuela, primeiro en Caracas e despois en Los Llanos. Regresa a Galicia, establécese en Vilagarcía de Arousa e imparte de novo clases en Carril. A súa obra forma parte de importantes coleccións como a do Museo Quiñones de León, Museo Provincial de Pontevedra, ou a do Museo Carlos Maside, entre outras.
Inicialmente na súa pintura abordou a paisaxe, cun estilo expresionista, e o bodegón, para posteriormente centrarse nas súas características escenas cotiás. Trátase de composicións complexas, ateigadas de personaxes, que inmortalizan festas, romarías, ou actividades relacionadas coa vida diaria. Os seus primeiros referentes atopámolos en Colmeiro e Laxeiro. Posteriormente séntese atraído polo mundo onírico de Chagall e por determinadas etapas de Picasso. A arquitectura e a escultura románica galega tamén serán un importante referente na súa obra. Recorre á fantasía e mais ao mito para representar a súa Galicia, eternamente presente e idealizada, cunha gran presenza da música popular. Os seus personaxes adoitan presentarse de fronte, cos rostros redondeados, estáticos, ollos saltóns, e xestos deliberadamente simples, vestidos con atavíos rechamantes e toucados fantasiosos, e a miúdo con paxaros ou flores nas mans como metáfora de pureza e liberdade. Durante a súa etapa americana incrementa a fantasía das vestimentas e a vexetación, e engádelles unha nota de indixenismo aos rostros. A súa paleta evoluciona dunha gama máis neutra nas etapas iniciais, a unha máis cálida e rica que reforza a complexidade das composicións.
Na Colección Afundación figuran 6 obras datadas na primeira metade dos anos setenta, 5 óleos e unha tinta sobre papel. En Alacena representa cunha perspectiva frontal, e en tons neutros, dúas xerras de cerámica popular enmarcadas nunha lacena. As pezas cerámicas adquiren unha presenza case escultórica reivindicando o protagonismo dos obxectos cotiáns. En Mulleres con flores e paxaros e Moza aborda con tenrura e lirismo un dos seus temas favoritos: a figura feminina. As protagonistas, de proporcións robustas, represéntanse cunha perspectiva frontal e case “rodeadas” polo espazo do cuarto. Os rostros son doces, serenos, dotados dun certo hieratismo atenuado pola paleta que se emprega. Romería e Mercado son dúas escenas cotiás que representan a súa linguaxe máis persoal. Dúas composicións frontais, moi rechamantes, na primeira o elemento paisaxístico toma o protagonismo mentres que na segunda fano os personaxes. Na tinta Pareja de niños atopamos un retrato dunha parella con roupas campesiñas representada coa súa característica frontalidade.
Bibliografía
Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.
Pablos, Francisco: Pintores gallegos. Vol. I. Vigo, 1980.
Pablos, Francisco: Serografías de Arte. Vigo, 1971.
Pablos, Francisco: Colección Adriano Marques de Magallanes. Vigo, Concello, 1992.
Chávarri, Raúl: Pintura española contemporánea. Madrid, Ibérico Europea de Edic. 1972.
Mon, Fernando: Pintura contemporánea en Galicia. A Coruña, Caixa Galicia, 1987.
Vidal, Abascal: De la Universidad y de la pintura gallega. Compostela, 1978.
Gran Enciclopedia Gallega. Gijón, S. Cañada, edit., 1974.
Arte Gallego en Caixa Galicia. A Coruña, Fundación Caixa Galicia, 1992.