ANA SOLER
Soler Baena, Ana
( Sevilla, 1972 )
Biografía
De ampla formación académica, esta artista andaluza, vinculada a Galicia como profesora de gravado, cursou a carreira superior de Belas Artes na facultade da súa cidade natal, entre 1989 e 1994. Nos anos seguintes asistiu a cursos en Florencia, Edimburgo, Strasburgo e Suíza. Doutorouse cunha tese sobre “Luces e sombras na idea actual de estampa orixinal". Foi profesora en Madrid e actualmente éo de gravado e estampación na Facultade de Belas Artes, da Universidade de Vigo.
Gozou de prestixiosas bolsas para cursos diversos en Roma, Santander, Cuenca, País Vasco, Andalucía, Madrid, Sevilla, Fundación Joan Mirò en Mallorca, Edimburgo, Taiwán, Italia.
Consegue o seu primeiro galardón en 1992 e increméntaos, ata unha trintena, en certames de pintura e gravado en toda España e en Corea e Río de Xaneiro, entre eles o Nacional de Gravado á mellor obra realizada entre os anos 2000 e 2001, da Calcografía Nacional en Madrid.
Colectivamente comezou a expoñer en 1994, e tamén o fixo en mostras destacadas de medio mundo. De xeito individual, a súa primeira exposición data de 1994, en Sevilla, e fíxoo despois en numerosas cidades de España, entre elas Vigo e Pontevedra, e en Italia e Canadá.
Diversa, multiforme, Ana Soler cultiva tanto a pintura como a escultura, o gravado e o obxecto plástico, dentro dunha tendencia pop que pode partir das expresións surrealistas de Duchamp ou Man Ray, para alcanzar peculiaridades sorprendentes, nas que a referencia, de pura banalidade, queda transcendida na elaboración, con aditamentos de madeira, arame, etc.
Así, o cotián, o efémero e ata o absolutamente desprezable constitúense en obxecto de arte dende esa transformación persoal provocativa.
Tecnicamente, a súa perfección como gravadora é importante, e á estampación leva o seu mundo peculiar dende un excelente debuxo e unha elaboración de taller que linda coa alquimia.
Bibliografía
ALAS para esos tacones, Caja Madrid, Madrid, 2002.
CROMOGRAPHY, Heriot-Watt University, Edimburgo, 1996.
DESNUDA y bajando la escalera, Calcografía Nacional, Madrid, 2001.
FOLIE, Academia de San Fernando y Calcografía Nacional, Madrid, 1998.
SIETE grabadores internacionales, Stamperia Il Bisonte, Florencia, 1995.