Nace nunha familia vinculada ao mundo da arte, é parente do escritor Marcial Suárez e sobriño do fotógrafo José Suárez; dirixirá a publicación do libro póstumo Galicia, terra, mar e xentes (1981) e recibirá unha bolsa da Xunta de Galicia para realizar a catalogación, a clasificación e o estudo da súa obra. Licenciado en Filosofía e Letras e en Filoloxía Francesa, é catedrático en ensino secundario e profesor asociado da Facultade de Ciencias da Información de Santiago de Compostela. Xunto con Manuel Sendón crea o Centro de Estudos Fotográficos de Vigo (CEF) en 1985; xuntos dirixen a Sala dos Peiraos (1985-1991), o proxecto Vigovisións (1986-2000) e organizan a Fotobienal de Vigo (1984-2000), na que así mesmo exercen como comisarios; labor que realizan noutras destacadas mostras. Tamén de maneira conxunta publican monografías de fotógrafos históricos galegos como: Ramón Caamaño, Luis Rueda, José Suárez, Arquivo Pacheco ou Arquivo Sarabia, que complementan cunha mostra, e realizan a edición das coleccións Álbum e Do Trinque. A título individual, publica Allariz, O Viño e O mundo invisíbel. Comeza a expoñer a súa obra fotográfica na 1ª Fotobienal de Vigo en 1984, que el mesmo organiza, e despois en diversas mostras e eventos colectivos en Madrid, Vigo, A Coruña, Lorient (Francia), Xenebra (Suíza), Coimbra, Lisboa ou O Porto (Portugal). A súa primeira mostra individual realízaa na Galería AFCA de Braga (Portugal) en 1987, á que lle seguen outras individuais en galerías e salas de cidades como A Coruña ou Vigo.
O seu traballo céntrase na reflexión acerca da dicotomía progreso-autodestrución vinculada á evolución das cidades e a contorna natural en Galicia. Constrúe un particular imaxinario no que os obxectos adquiren unha dimensión transcendente (case persoal) e o ser humano se deshumaniza. Nas súas fotografías exprésase a través dunha poética vinculada ao realismo máxico propio do pintor surrealista belga René Magritte, o seu principal referente, de maneira que se serve da cámara fotográfica para alterar e transcender a realidade nunhas imaxes nas que aparece de maneira recorrente a silueta en negro dun personaxe anónimo de costas que evoca ao artista belga e que parece examinar nas súas andanzas nocturnas espazos urbanos, vinculados xeralmente ao universo industrial, que rezuman soidade, misterio e desasosego.
As dúas obras do autor, en branco e negro, que integran a Colección Afundación ─ambas as datadas en 1993─ pertencen á serie O mundo invisíbel, inspirada visualmente en tres representacións emblemáticas: O mestre de escola de Magritte, a obra escultórica de Mario Giacometti e O mito de Sísifo de Albert Camus. Nesta serie, de gran carga estética e mental, propón unha reflexión sobre o progreso do home, a sobreexplotación dos recursos naturais e as súas consecuencias, en concreto no territorio galego, a través de ideas como a repetición ou o illamento, cuns solitarios personaxes que tentan buscar sen éxito a saída a un mundo creado por eles mesmos. Nunha das obras aparece a pequena silueta dun home de costas observando o buque Mar Egeo encallado aos pés da Torre de Hércules, unha catástrofe natural que se produciu en 1992 e que tivo múltiples consecuencias. Na outra imaxe, representa, nun misterioso interior no que se recoñece unha cadeira, a un home de costas cun sombreiro en primeiro termo como unha sombra que remite ao personaxe da soada obra de Magritte e que para o artista simboliza a opresión e a carencia de liberdade; habita un onírico mundo en continuo crecemento do que xa non forma parte.
RUEDA, M.: Guía de artistas de Galicia, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 2003, p. 368.
SUÁREZ CANAL, X. L: O Mundo Invisíbel. Álbum, Centro de Estudios Fotográficos, Vigo, 1993.
SUÁREZ CANAL, X. L. y SENDÓN, M: En Galiza nos 50. As agrupacións fotográficas, Concello de Vigo, Vigo, 1990.
VV. AA.: Diccionario de fotógrafos españoles. Del siglo XIX al XXI, La Fábrica, Madrid, 2013, p. 567.
VV. AA.: Enciclopedia Galega Universal (EGU), Tomo 15, Ir Indo Edicións, Vigo, 2002, p. 409.
VV. AA.: Galicia: tradición e deseño, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1991.