Pertencente a unha familia liberal, comeza a realizar fotografías coa cámara que lle regala o seu pai cando aproba o Bacharelato. Influído polo seu proxenitor, cuxa profesión era a de procurador, estuda Dereito en Salamanca, onde establece amizade con Miguel de Unamuno ─figura fundamental na súa vida que retrata en numerosas ocasións─ e onde toma contacto coa vangarda a través da Revista de Occidente. En 1921 publica en Vida Gallega os seus primeiros traballos como aficionado. Unha vez finalizada a carreira, comeza a traballar no concello salmantino pero pronto cambia de rumbo e decide seguir a súa vocación artística. En 1932 publica 50 fotos de Salamanca ─con prólogo de Unamuno─ e realiza en Galicia diferentes series de corte etnográfico. Os seus traballos aparecen en publicacións como Mundo Gráfico, Mundial, Estampa ou Atalaya. Expón en 1935 no Círculo de Bellas Artes de Madrid cun enorme éxito e tamén en París. En 1936 comeza a rodaxe de Mariñeiros coa produtora CIFESA, coa que tiña previsto rodar catro películas documentais, pero debido ao levantamento fascista exíliase en Arxentina ─onde finalizará a rodaxe─ e posteriormente en Uruguai. En Arxentina iníciase na fotografía dentro do universo cinematográfico e obtén o Cóndor de Oro da Academia de Artes y Ciencias Cinematográficas de Buenos Aires en 1938 por Malambo. Comeza a realizar fotoperiodismo para La Prensa e colabora con outras publicacións arxentinas. Realiza diversas exposicións en Sudamérica, que percorrerá de punta a punta, e publica libros como Nieve en la cordillera. En 1953 viaxa como correspondente de La Prensa a Xapón, onde reside durante dous anos, e namórase profundamente da súa cultura; sente especialmente atraído polo teatro Noh. Publica tamén en Life e en U.S. Camera. Tras unha breve estancia en Sudamérica, regresa a Galicia en 1959 e continúa o seu traballo para La Prensa que lle obriga a viaxar de maneira constante. Nos sesenta realiza a serie La Mancha, entre outros traballos, e publica o libro sobre tauromaquia The Life and Death of the Fighting Bull. Os seus últimos anos están marcados polo illamento ata o seu fatal desenlace.
A súa vida enteira estará vinculada a unha cámara, pois como apunta o seu irmán Paco: «As poucas veces que o vía sen ela parecíame que na súa entidade física había como unha mutilación». Nas súas fotografías plasma a súa visión innovadora de alma humanista, pois como el mesmo afirma: «Nas miñas fotos sempre está o home ou polo menos a súa pegada», co foco dirixido cara ao ámbito sociocultural, en especial de Galicia. No seu imaxinario o cotián transfórmase en transcendente sen deixar espazo á compoñente folclórica. Exprésase en branco e negro en estáticas e coidadas composicións cargadas de simbolismo que evidencian o seu dominio lumínico e un forte vínculo coa vangarda europea, así como unha simplicidade e depuración que se intensificarán tras o seu contacto con Xapón.
A obra da Colección Afundación pertence ao seu soado e ampla serie Mariñeiros (1936) ─o seu traballo máis relevante─, da que posteriormente tamén realiza unha película. Nesta serie ─que se converterá en símbolo do mundo mariño galaico─ retrata a crúa vida dos mariñeiros mediante imaxes nas que a persoa será a protagonista xunto cuns obxectos de forte carga evocadora. Na obra que nos incumbe, aparece unha muller situada sobre unha roca e un hórreo cara ao fondo nun contrapicado moi forte ─unha forma de enaltecela─ cunha preocupada mirada que apunta cara ao infinito ─característica dos seus retratos─ á espera do desexado retorno da embarcación de pescadores.
SALAMANCA. Álbum, Salamanca, 1932.
NIEVE en la cordillera, Buenos Aires, 1942.
VISLUMBRE del Japón, Buenos Aires, 1957.
THE LIFE and dead of the fighting bull, Londres, 1966.
TERRA, mar e xentes, Ed. Xerais, Vigo, 1981.
JOSÉ Suárez. 1902-1974, Concello de Vigo, Vigo, 1988.
JOSÉ Suárez. Álbum, Centro de Estudos Fotográficos, Vigo, 1993.
JOSÉ Suárez, Xunta de Galicia, Fundación Cidade da Cultura, Santiago de Compostela, 2015.
SENDÓN, M.: Imaxes na penumbra. A fotografía afeccionada en Galicia (1950-1965), Ed. Xerais, Vigo, 1998.
III Fotobienal, Concello de Vigo, Vigo, 1988.