VIDAL SOUTO
Vidal Souto, José Manuel
( Ourense, 6 de abril de 1948 - 25 de marzo de 2021 )
Biografía
A traxectoria de Vidal Souto comeza en Ourense, cidade na que a actividade artística estaba marcada polo grupo Os Artistiñas, alentado por Vicente Risco. De formación autodidacta, será un artista refuxiado no silencio. Realiza a primeira exposición no Museo Arqueolóxico de Ourense, no ano 1970, cunha serie de tintas, esculturas en pedra e estudos en fariña de millo ao forno. Reside durante algún tempo na capital española e viaxa con frecuencia a Brasil, país polo que sente unha especial fascinación e que influirá de maneira definitiva na súa obra; en Salvador de Baía, no Taller de Arte Moderna, experimenta coa xilografía e en Manaus realiza algúns murais. Foi seleccionado para a colección de serigrafía galega, creada polo pioneiro Álvaro Álvarez Blázquez, na que participaron famosos artistas galegos como Luís Seoane ou Virxilio Fernández. A súa obra está representada en coleccións como a do Museo de Castrelos (Vigo), Banco Hipotecario (Ourense), Museo Municipal de Ourense ou a da Xunta de Galicia (Santiago de Compostela), entre outras.
A súa temática está focalizada principalmente no ser humano e na súa relación coa natureza, nas tradicións e mitos, así como na crítica social. Posuidor dun espírito libre e máxico cheo de imaxinación cunha característica sensibilidade e unha poética que evoca, en ocasións, a Chagall, a súa figuración amosa unha rigorosidade escultórica que lembra a Arturo Baltar coas súas formas redondeadas, sintetizadas con caligráficos e serpeantes trazos. A súa pintura defínese, en primeiro lugar, polo predominio da expresión e do xesto, para despois atemperarse de forma que cobra protagonismo o aspecto máis folclórico. Con motivo do seu descubrimento de Brasil, apréciase na súa obra, a partir dos anos oitenta, a aparición de cores puras como o vermello, o amarelo ou o verde, coas que representa paisaxes con árbores imaxinarias e estrañas figuras, mediante unha linguaxe inxenua con toques surrealistas e exóticos. A súa produción amosa, por unha parte a idea dun pintor reflexivo e sereno, e pola outra, xorde o artista dominado pola vigorosidade e a acción.
Dúas obras pictóricas do autor ourensán forman parte da Colección Afundación. Na máis temperá, En rosa (1975), representa un universo onírico repleto de sensualidade e dinamismo, así como de xestualidade, poboado por sinuosos corpos nus femininos que se amosan nunha escena deliberadamente recargada. O rosa domina a atmosfera da composición e o uso do negro, azul ou branco incrementan a intensidade da imaxe. Retirantes Nordestinos (1986) evidencia a evolución do seu traballo a causa do influxo da arte suramericana; mediante unha pincelada meticulosa e precisa pinta unha ornamental escena campestre na que os protagonistas se presentan apraciblemente descansando ou cultivando cun pano de fondo dunha paisaxe case desértica en tons terra. O vivo colorido que emprega para representar os personaxes xunto coa esquematización das formas crea unha composición chea de cor e alegría que lembra o folclore de Brasil.
Bibliografía
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caja de Ahorros Municipal de Vigo, 1981, Vigo.
PABLOS, F.: Serigrafías de Arte, Sega, 1971, Vigo.