Corazón, andamios y cristales

- INV:
- 2591
- Año de creación:
- 1999 - 2002
- Dimensiones:
- 195 x 200 x 0
- Técnica:
- Técnica mixta sobre lenzo
Comentarios
En Tono Carbajo, o soporte é un campo de acción e de experimentación onde conviven múltiples interpretacións. O amor, o desamor, a muller, a fecundidade poderían ser os temas desta peza na que forma e cor constrúen unha realidade que é toda corazón, unha escenografía visual que representa as dificultades e os esforzos do xogo amoroso.Sobre o lenzo espido concibe un corazón, trazado a lapis, dunha inmaculada pureza que resalta nun contorno negro e desamañado. Os materiais extrapictóricos, os arames que configuran as estadas e os tres cristais pegados ó soporte son elementos fundamentais que inciden no valor semántico e plástico da obra. Os ferros proxéctanse cara ó exterior do lenzo aumentando o campo visual da obra que segue aferrándose a valores tradicionais, a forza e intensidade da brochada, do xesto, ó que se une, como o propio artista define, "o concepto de ensamblaxe, unha forma radicalizada de collage. É esta unha ferramenta que reflicte á perfección a realidade na que nos desenvolvemos, constituída por unha mestura caótica de elementos multiculturais, polisémicos e, ás veces, contradictorios".
A monocromía é un factor clave na lectura dunha composición na que non existe, coma no amor, o termo medio, só branco ou negro e, fronte á non cor, o vermello intenso, roto e fragmentado dos cristais simbolizando a paixón, a dor, o sentimento extremo.
Os andamios escalan cara ó corazón, inventan escaleiras, estratexias e subterfuxios para chegar directamente ó centro, ó simbólico interior no que poder asentarse e colocar unha cadeira que é noso dominio e noso espacio na alma do ser amado.
EXPOSICIÓNS:
"VI Mostra Unión Fenosa". Xullo-agosto de 1999. A Coruña
"Tono Carbajo". Decembro-xaneiro 2002. Galería de Arte Contemporáneo VGO, Vigo.
REPRODUCCIÓNS:
"VI Mostra Unión Fenosa". Madrid, 1999, páx. 205.