TONO CARBAJO
Carbajo Villaverde, Antonio
( Vigo, 1960 )
Biografía
De temperá vocación artística, inicia os seus estudos en Barcelona na Escuela Massana e posteriormente na Facultade de Belas Artes de San Jordi, onde recibe unha formación europeísta e universal —descobre a obra de pintores como Broto, Miró, Klee ou Henry Moore. Posteriormente trasládase a Madrid e contrae matrimonio coa bailarina e coreógrafa de arte contemporánea Nati Aguiar; influencia fundamental na súa produción. Realiza a súa primeira exposición individual na galería viguesa Novecento en 1982, á que sucederán numerosas mostras a nivel nacional e internacional, especialmente en Nova York. Participa en destacadas feiras como ARCO ou Arte Lisboa, e no Pavillón de Galicia da Expo´92. En 1993 obtén a bolsa de creación no estranxeiro Unión Fenosa e reside durante un período en Nova York, onde complementará os seus estudos nas prestixiosas School of Visual Arts e Parsons University. Durante a súa traxectoria é galardoado co Premio Residu'art (2015), na categoría de artista profesional, e co Premio Cidade de Alcalá de Artes Visuais (2016). A súa obra forma parte de destacadas coleccións como a da Fundación Cultural Mapfre, Gas Natural Fenosa, School of Visual Arts de Nova York, Colección María José Jove, CGAC ou a do Museo do Gravado Español Contemporáneo de Marbella.
Artista multidisciplinario, as súas primeiras obras enmárcanse no “post-pop” cunha fluorescente pintura de ácidas cores. En 1983 realiza un curso xunto a Luis Gordillo no Círculo de Belas Artes de Madrid e a súa pintura sofre un cambio; o compoñente matérico adquire maior relevancia e a gama cromática vólvese máis sobria e escura. Realiza xunto a Nati Aguiar espectáculos multimedia e afonda no deseño de escenografías para espectáculos. A partir de 1986 a súa obra pictórica mergúllase nunha maior espontaneidade; exercita unha pintura rápida, xestual, próxima ao action painting. En 1987 crea a serie Art Explorer que supón un punto de inflexión na súa forma de concibir a pintura co emprego da colaxe. Durante os noventa incorpora á súa pintura obxectos e materiais achados nas súas múltiples viaxes —busca no pasado e na memoria símbolos mediante os que recompoñer o seu mundo— de maneira que a colaxe adquire unha dimensión tridimensional e aproxímase á ensamblaxe. Na actualidade compaxina a produción pictórica e instalacións con proxectos audiovisuais.
Nas catro obras que integran a Colección Afundación achamos o xogo de opostos e a combinación de elementos que remiten ao pasado subxectivo do propio artista, como cadernos de viaxe. Son pezas de gran liberdade formal que rompen co marco tradicional do cadro na procura dun espazo plástico máis aberto. En Petroglifus in clavius (1992) a materia cobra o protagonismo mediante dúas superficies case corpóreas situadas na base do cadro que xogan cun fondo de resinas de gran sutileza. Bai la grange (1992) exemplifica a súa necesidade de ampliar os límites da pintura mediante unha serie de pequenas pantallas que rodean a superficie central. En Penares e manchas (2001) predomina o negro e combina a realidade fotográfica coas pranchas metálicas e co aceno libre; crea unha obra de gran carga emocional na que lle aplica o concepto de instalación ao cadro (relacionado cos seu traballos como escenógrafo). En Corazón, estadas e cristais (1999-2002) o soporte é o lugar de acción para formular unha metáfora dos avatares do amor. Un inmenso corazón branco emerxe sobre o fondo negro, en cuxa superficie se insiren elementos non pictóricos: unhas estadas de arame e cristais vermellos. O forte xogo de opostos a nivel formal amplifica o simbolismo da peza.
Bibliografía
Seoane, Xavier: Identidade e convulsión. Sada, Edic. do Castro, 1990.
Calvo Serraller, Francisco: Enciclopedia del Arte Español del siglo XX. Madrid, 1981.
Pablos, Francisco: Diccionario de pintores y escultores españoles del siglo XX. Madrid, Edit. Forum Artis, 1195, vol. III.
Obra
-
Corazón, andamios y cristales 1999 - 2002
-
Penares e manchas 2001
-
Petroglifus in clavius 1992
-
Bai la grange 1992