Comentarios
A finais dos 80 comezou Pazos con esta serie do Machado, nome que lle serviu como pretexto para empezar a puli-la pedra. Machado XXIII está formado por dúas pezas, unidas con grampas de cobre, adornadas con motivos sinxelos da arte popular, talladas na pedra como marcas de organismos do pasado, presentando unha forma de conxunto que semella a dunha cuncha de ammonita. As dúas pezas son como fragmentos encontrados doutra construcción; con estas pezas o artista crea a escutlura, reconstruíndo unha forma. Xoga co pictoricismo producido polo óxido verde do cobre e a perforación da pedra cun burato limpo polo que o aire pode circular ou polo que tamén podería pasar a auga; ou podería utilizarse para introducir outro elemento e construír unha ferramenta ou utensilio. Os seus bordos, redondos, finos e pulidos parecen levarnos á posibilidade dun movemento rotatorio. Pero son só pezas creadas cun significado artístico no que subxace unha preocupación antropolóxica e etnográfica.