FRANCISCO PAZOS
Pazos Martínez, Francisco
( Cobas, Meaño, Pontevedra, 1961 )
Biografía
Tras cursar estudos primarios, ingresa na Escola de Canteiros de Poio, onde estudará durante cinco anos. Finalizados os estudos, instala o seu taller no seu pobo natal, e en 1991 regresa á Escola de Canteiros xa como profesor, ata que abandona no ano 2000 para dedicarse de cheo á súa faceta artística. Realiza a súa primeira exposición individual na Sala Torrado de Pontevedra en 1984, tras participar o ano anterior no certame Novos Valores de Pontevedra. En 1995 realiza unha individual da Casa de Galicia en Madrid. Ao longo da súa traxectoria, participou en mostras individuais e colectivas, así como en feiras, en Galicia e resto de España, Portugal, Romanía, Bulgaria, Reino Unido ou Francia. Foi galardoado ata en tres ocasiones na Bienal de Arte de Pontevedra (1983, 1984 e 1990), e tamén obtivo o primeiro premio no concurso de escultura ao aire libre da Fundación Feima e Premio Antón Fraguas (2008), así como o primeiro premio no III Certame Francisco Asorey (2016). Así mesmo, atópase representado en coleccións como a do Museo Carlos Maside de Sada, Deputación da Coruña, Museo Celta de Vigo, Santo Domingo de la Calzada na Rioxa ou a do Ayuntamiento de Alcobendas, e noutras particulares.
Declárase un «artista ecléctico», e foi definido pola crítica e coleccionistas como «deliberadamente elemental» e, ao mesmo tempo, impresionantemente «racional». Na súa obra, vinculada á cultura da prehistoria galega, á artesanía tradicional, e en definitiva á terra. Na súa creación, a tradición e a modernidade equilíbranse para alcanzar unha paradoxal contemporaneidade. Fusiona escultura e deseño, lirismo e arqueoloxía, cunha aparente, e ao mesmo tempo ficticia, intención de restaurar refugallos, partes rotas que realmente non son tal. Traballa coa madeira, pedra, ladrillo e materiais metálicos, que acostuma combinar, pois a procura do contraste resulta crucial nunha obra definida pola ensamblaxe e a utilización de penetracións e grampados, especialmente ataduras de cobre. Asegura o autor que no seu quefacer artístico déixase levar polo que lle apetece realizar: «É unha inercia. Primeiro, na miña obra apareceron as formas xeométricas; posteriormente, as redondeadas e logo as ataduras de cobre». Deste xeito, grampas, pulidos, incrustaciones e a súa orixinal técnica de queimar a pedra foron incorporándose aos poucos ao seu traballo; no que tamén houbo lugar para a realización de mobiliario.
Oito esculturas, datadas entre 1994 e 2002, figuran na Colección Afundación; nelas destaca a combinación de materiais ─salvo en Testa I, realizada unicamente en granito─, así como de superficies rugosas con zonas lisas e puídas, e o xogo coa cor da pedra ao queimala. Dous delas pertencen á serie Machado, e ambas se compoñen de dúas pezas unidas; en Machado IV a través dun cable enrolado de cobre, e en Machado XXIII ─na que xoga co óxido verde do cobre─ coas súas características grampas do mesmo material metálico. En Anaco III, presenta unha composición sobre dous soportes de madeira a modo de anaco de muro. Amadeirada III e a obra Sen Título evocan monólitos primitivos. En Juevoide VI consegue unha aparencia sólida e compacta, á vez que fragmentada e chea de ambigüidades. As súas aproximacións figurativas a través de formas suxeridas atopámolas en Guerrero con portas e na cabeza Testa I, ambas as de aparencia esbozada, nas que ningún elemento sitúase ao azar e rezuman elegancia e sutileza grazas ao xogo de volumes e texturas.
Bibliografía
PAZOS, esculturas, Xunta de Galicia / Casa de Galicia, Madrid, 1994.
PRIETO, C.: El prehistoricismo estético de la obra de Francisco Pazos, Xunta de Galicia / Casa de Galicia, Madrid, 1994.