Comentarios
A peza, de resonancias antropolóxicas, recorda a un monolito que sitúa ó espectador ante un mundo primitivo e á vez moi presente.
A escultura eríxese sobre o chan dominando, dende a súa verticalidade e altura, todo o espacio circundante ó igual que un monumento megalítico ou un poste totémico se impoñen sobre a paisaxe. É na xeometría, na estructura cuadrangular e na austeridade formal onde radica a súa maior forza e expresividade.
A ensamblaxe de materiais tan opostos fusionan a tradición coa modernidade, a natureza coa civilización. A madeira de olmo e o formigón contextualizan a obra no noso tempo, nunha Galicia rural e urbana, tradicional e asemade posmoderna.