• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Obras
Obras
Busca por...

Obra

Artista

Técnica

Palabra clave

Inventario

Por año

A dama de Gondel

FRANCISCO LEIRO

A dama de Gondel
INV:
9262
Año de creación:
1986
Dimensiones:
197 x 117 x 57
Técnica:
Madeira de castiñeiro

Comentarios

O ano 1986 é clave na producción de Paco Leiro porque marca o final dunha etapa antes de emprender a súa viaxe, un ano máis tarde, a Nova York co apoio da galería Malborough onde a súa obra se enfrontará a novos retos.

Nacida dun tronco de castiñeiro, a peza é un exemplo da súa valoración do figurativo, aínda que o artista explica esta atracción pola figura humana dun xeito vago sinalando: "creo que ten que ver co meu interese polas cousas orgánicas. A madeira tamén é orgánica, polas súas cualidades préstase mellor para o meu traballo, pódeselle aplicar policromía, ferros, resinas sintéticas e manipúlase moi ben". O emprego da madeira e a súa aposta pola figura única, primordial na súa poética, experimentará unha evolución coa súa chegada a Nova York, onde se atreverá a combinala con novos materiais creando híbridos entre corpos e obxectos.

Para Dan Cameron "as esculturas do período 1982-1986 teñen unha cualidade surreal, distorsionada, revelan a flexibilidade da materia da que están feitas, de forma que recordan tanto a personaxes dos debuxos animados saídos da imaxinación do artista coma a personificacións sobrenaturais dos troncos, raíces ou ramas das que foron talladas". Non se podería describir mellor esta peza de mirada celluda e severa concibida como un monolito ancorado no chan. O traballo de talla realízase directamente, aprendendo dos nós, dos ocos, das fendas, para configurar unha imaxe atemporal e simbólica, coma un tótem dunha cultura primitiva. O artista trata a madeira a golpe de gubia, de machadazos pero tamén da caricia xerando superficies lisas configurando unha peza chea de significado que revela os seus coñecementos do oficio e da historia da arte.

Na dama, a valoración puntual do xesto unido á importancia do volume, da masa, impóñense nunha obra que enlaza coas efixies hieráticas do antigo Exipto ou coas presencias propias do Románico, pero a forte personalidade e a potencia que desprende a súa mirada vincúlana co Balzac de Rodin ou o Moisés de Miguel Ángel. A cor, centrada nos ollos, facilita ese efecto de xenio aínda que o artista emprega o cromatismo como unha forma de desmitificación, como un elemento que humaniza a grandiosidade e lle outorga á imaxe identidade e alma.

Exposiciones

"La Libertad  de las Formas". Caja Ávila. Arévalo, Ávila. Do 28 de outubro ao 29 de novembro de 2005.

"El diálogo de la Escultura". Casa de Vacas. Madrid. Do 20 de abril ao 21 de maio de 2006.

  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2026© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2024
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    [email protected]
    986 12 00 84 / 986 12 00 78