
Cubertos é unha boa mostra da sensibilidade cara ás persoas máis vulnerables, especialmente neste momento no que a crise sanitaria provocada pola COVID-19 agravou a situación de pobreza na que viven moitas familias no noso país. Todos podemos contribuír a paliar esta situación dentro das nosas posibilidades, por iso queremos facelo tentando cubrir unha necesidade fundamental das familias e daqueles que máis o necesitan: os nenos e nenas.
O programa Cubertos nace co obxectivo de garantir o acceso a unha alimentación saudable, durante as vacacións escolares, a menores en risco de pobreza ou exclusión social co obxectivo de:
- Manter os instrumentos de apoio á infancia vulnerable durante o período do Nadal, proporcionando alimentos saudables e nutritivos aos nenos e nenas.
- Favorecer a implicación e participación social do voluntariado.
- Sensibilizar ás institucións sobre a necesidade de estender as axudas de comedor a períodos vacacionais.
- Proporcionar un menú especial para toda a familia nos días máis sinalados do período do Nadal.
- A participación do voluntariado é esencial para que a acción poida desenvolverse con éxito, xa que se encargan de atender os diferentes puntos de distribución que están operativos en cada cidade.
Os menús elabóranse seguindo as recomendacións da Estratexia NAVES da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN), que engloba accións para inculcar hábitos de vida saudables a través da alimentación e o exercicio. Con este obxectivo, os menús, elaborados en empresas galegas especializadas e supervisados por nutricionistas, son equilibrados e orientados á idade e gustos dos menores e prepáranse con produtos frescos de provedores locais. Así mesmo, na preparación dos menús aténdese ás necesidades específicas dos nenos e nenas participantes con intolerancias, alerxias ou outras particularidades.