Axudar a Ucraína
Sendo conscientes da situación excepcional na que se atopa a poboación Ucraina poñemos en marcha, en colaboración con ABANCA, unha campaña solidaria co obxectivo contribuír a paliar a crise humanitaria provocada pola agresión militar que está a sufrir o país.
Plancton
O Plan de conservación territorial-ON (PLANCTON), é un plan multidisciplinar cuxo obxectivo principal é o de fomentar a conservación e a sustentabilidade das actividades socioeconómicas realizadas na área de influencia das ZEPA mariñas de Galicia, Rede Natura 2000 de ámbito mariño, competencia do Estado, tratando de inculcar unha conciencia sostible en todos os sectores sociais, especialmente no pesqueiro.
Este proxecto conta coa colaboración da Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo FEMP, e é complementario ao proxecto LIFE-IP INTEMARES.
Programa Cubertos
O obxectivo de Cubertos é apoiar as familias máis vulnerables, especialmente afectadas pola crise da COVID-19, garantindo ás nenas e nenos unha alimentación saudable e nutritiva durante o verán, período no que se interrompen os programas de bolsas a comedor. Para iso, Cubertos achega máis de 1.650 menús diarios a menores das sete principais cidades galegas, do 1 de xullo ata o inicio do curso escolar, un labor no que participan máis de 80 persoas voluntarias.
Programa +60 acompañámoste
En marzo de 2020, en resposta á crise da COVID-19, mobilizámonos para acompañar persoas maiores durante o confinamento e desescalada, a través dun servizo telefónico dirixido ás máis de 14 000 persoas socias dos 11 espazos +60, así como a toda a poboación +60 de Galicia. O obxectivo foi estar preto, achegar un acompañamento real nesta circunstancia. Como resultado das chamadas realizadas no programa, elaborouse un estudo sobre as estratexias das persoas maiores para abordar esta crise.
Actividades ambientais
Desde Afundación deixamos patente o noso compromiso co medio ambiente e cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible a través da posta en marcha de actividades ambientais, principalmente de voluntariado e de sensibilización.
A reforestación dos montes galegos, gravemente afectados polos incendios cada verán, así como a erradicación de especies invasoras, que non permiten o crecemento e desenvolvemento da flora local e a biodiversidade, ou a limpeza de bosques e praias, son as nosas principais liñas de actuación.
Cultura por alimentos
Grazas á colaboración subscrita con FESBAL, todas as persoas que participen nas nosas actividades poderán depositar as súas doazóns nos contedores destinados a este fin.
Este programa traslada a idea de intercambio a todas as nosas actividades culturais invitando a doar alimentos a cambio da participación da nosa oferta cultural.
Pedalear e conversar
Esta iniciativa é un programa de acompañamento a persoas maiores con mobilidade reducida e de voluntariado social que forma parte do movemento internacional “En bicicleta sen idade”, xurdido en Dinamarca en 2012 e presente en máis de 50 países.