Exposición COMEDY WILDLIFE, en Nigrán
Paseo de Panxón | NIGRÁN
Viaxamos por toda Galicia con COMEDY WILDLIFE, a exposición máis aclamada polo público en diferentes cidades europeas. A través das fotografías seleccionadas no recoñecido Premio Comedy Wildlife Photo, dos anos 2015 a 2022, a exposición fai gala dunha magnífica colección de imaxes de natureza cunha singularidade: diferentes especies animais conectan co ser humano a través das emocións. Moitas das fotos sacaranche un sorriso e mesmo algunha che fará rir a gargalladas. Ven descubrila á túa localidade.
Exposición recomendada para familias!
Sesenta fotografías son as que compoñen a exposición homónima do certame internacional, «Comedy Wildlife». As imaxes foron realizadas en distintos recunchos de todos os continentes e todas elas resultaron seleccionadas entre 2015 e 2022 como as mellores instantáneas de animais feitas en clave de diversión e humor no mundo, grazas á colaboración entre Afundación e Terra Espléndida e tras abarrotar en 2023 museos e centros de exposicións dos Países Baixos, Inglaterra, Portugal ou Canadá.
Evitar as mensaxes e as imaxes «deprimentes» é o que busca este certame, e con el a exposición. Isto é o que asegura o cofundador dos premios The Comedy Wildlife, o tamén fotógrafo especializado na natureza Paul Joynson-Hicks, que «as cuestións de conservación e sustentabilidade da vida silvestre están a gañar impulso a nivel mundial, pero as mensaxes e as imaxes tenden a ser negativas, deprimentes e enervantes». E que por iso se animou, xunto ao fotógrafo de natureza Tom Sullam, a crear estes galardóns. Desde 2015, premian as imaxes máis divertidas de animais tomadas nun mundo «extraordinariamente belo e interconectado».
«Comedy Wildlife» é unha exposición que cativa toda a familia ao utilizar o humor e a sorpresa como unha forma efectiva de involucrar no encanto do reino animal. As imaxes son extremadamente populares, atraen todas as idades e transcenden todas as culturas e idiomas. Así, as 60 instantáneas seleccionadas mostran, nas posicións e momentos máis divertidos, a animais como tartarugas, mapaches, osos, pingüíns, etc.
Unha foto divertida de animais é incriblemente eficaz porque non hai barreiras para a comprensión, ou tabús que deben ser negociados. A imaxe aproveita o impulso polo antropomorfismo, que está ben documentado como un dos disparadores máis potentes para a empatía humana. Para entender realmente os animais e as cuestións que lles afectan temos que empatizar con eles como concidadáns do mesmo planeta.
CORRENTE CULTURAL é unha aposta de ABANCA e Afundación para difundir a cultura polos diferentes municipios de Galicia, contando coa súa colaboración e construíndo unha rede de calidade que leve novas propostas máis alá dos nosos edificios. As iniciativas que conforman este ciclo parten dunha produción de nivel, con interese específico para a comunidade e unha estreita vinculación coas nosas tradicións e historia.
Aproveita para visitares a axenda web e decatarte de todas as propostas culturais que che ofrecemos ao longo do mes! Tamén podes entrar na nosa ticketeira Ataquilla.com para outras actividades escénicas.