LUIS ALCÁNTARA
Alcántara Álvarez, Luis
( Vigo, 1957 - 13 de mayo de 2022 )
Biografía
Luis Alcántara Álvarez é un pintor autodidacta, admirador e estudoso da obra de grandes artistas do Renacemento durante distintas estancias en París ou viaxes por Italia. Durante anos concorreu a diversos certames pictóricos e gañou no seu día o de Arte Nova Galega ou o de Novos valores convocado por Caixavigo.
Na colección de Afundación consérvanse doce obras deste autor, datadas entre os anos 1985 e 2000. A maioría dátanse na década dos 90, época que se corresponde coa consolidación do seu estilo e coa participación en diversas mostras. Nos exemplos obxecto desta análise, o autor emprega diferentes soportes e técnicas, desde o lenzo ao cartón, e combina o óleo con diversas técnicas mixtas.
Repítense os motivos característicos da súa linguaxe creativa, baseada nunha gran capacidade técnica co debuxo. As representacións de cabezas, froitas, siluetas humanas ou arquitecturas baleiras toman o protagonismo de boa parte da súa produción, reiterándose nas distintas composicións. En moitas ocasións, como en Encadrado, Lacena vertical, Xerra e pano ou Grande inventario italiano, obsérvase o interese de Alcántara por facer compartimentos na superficie pictórica de maneira que reserva cada pequeno espazo para destacar os motivos representados máis frecuentes. Na última obra mencionada obsérvase a presenza de arquitecturas que lembran os urbanismos metafísicos de Chirico, mentres que o protagonismo que lle outorga ao ser humano poderíase relacionar co interese que sentiu polo Renacemento e polo seu antropocentrismo.
Alcántara desenvolveu un estilo figurativo no que o debuxo adquire gran protagonismo, converténdose na base das súas composicións, nas que predominan as gamas cromáticas onde os ocres, verdes e grises se apropian da superficie.
Bibliografía
LUIS ALCÁNTARA, Casa de Galicia, Madrid, 1996.
Ruibal, José: Jugar con el habitat. Texto para catálogo. Vigo, 1992.