ÁNGEL CERVIÑO
Cerviño, Ángel
( Lezoce, Sarria, Lugo, 1956 )
Biografía
Nado na vila de Lezoce, na provincia lucense, vive e traballa en Vigo. Adoita silenciar canto se refire á súa biografía e nos seus catálogos detalla unicamente o referido á exhibición da súa obra, tanto individual como colectiva e, ademais, en cronoloxía inversa, de maneira que se entenda que interesa máis o inmediato có pasado, aínda que pola súa idade todo esto está relativamente próximo. Comezou a exponer en 1986 en Barcelona, onde sen dúbida adquiriu unha formación intelectual e plástica considerable, que se acusa na súa obra, razoada, seria, de irrenunciable investigación e non desprovista, ademais, dunha sutil ironía, que pode chegar ás súas interpretacións de temas bíblicos. Percorreu numerosas cidades de España: Lérida, Murcia, Alicante, León, Burgos, Zamora, Madrid: Independentemente, expuso en Vigo, Ourense, A Coruña, Pontevedra e Oporto. O seu primeiro éxito conseguiuno na segunda edición da xa moi prestixiada Mostra Unión FENOSA, en 1991, na que o xurado decidiu a adquisición da súa obra, que se incorporou ó Museo da institución patrocinadora na Coruña. Nesta mesma cidade confirmou a súa categoría, ó serlle adxudicado o primeiro premio e a medalla de ouro na segunda edición do Salón de Outono, convocado pola Real Academia de Belas Artes de Galicia. Está representado nas ditas instituciones e nas coleccións de diversos concellos e entidades públicas destacadas de Galicia. Ángel Cerviño é un artista de raíz intelectural. Traballa sobre superficies amplas, partindo de sinopses de imaxes inscritas en fondos neutros, como se foran negativos gravados ó ácido, de maneira que as liñas sexan mórbidas. Un mesmo tema, de refencia popular e ata tópico, reitérao en variantes cromáticas, ou pormenoriza, enfatizándoos, detalles do seu conxunto, ata obrigar ó espectador a somerxerse neses mundos meramente suxeridos. Unha perspectiva arquitectónica, deliberadamente distorsionada, é serie en ocres e sienas, azuis, violetas diluídos, a modo de fotografía desenfocada. Acode tamén a escenas do deporte ou a referencias artesanais do bordado ou da talla en cristal, que fixa como retallos o mesmo ca se foran collages, neses fondos neutros. Así, é a súa unha simplificación, consecuencia dun razoado proceso mental, non dun punto de partida. Incluso os soportes son insólitos, para que nada responda ó convencional. E, en definitiva, a obra de Ángel Cerviño cárgase de misterio; resulta inquedante, preocupadora, porque suxire máis ca di, e permítelle ó espectador lecturas diferentes en función das súas propias referencias. Trátase de insinuar; de suxerir, para que o espectador atisbe, pero en definitiva, camiña pola senda que o artista lle impón. Pegadas, maís ca expresións concretas. Morbideces a modo de cuños desvaídos, como en rutina plástico-administrativa, que pola súa inquedante apariencia cobra perdurabilidade. Vagas referencias da primeira arte norteamericana, con escenas de deportes violentos, reiterados con mínimas variantes, como acaece coas súas mencionadas arquitecturas. Sobriedade cromática, case inexistente; alusións a tintas de estampación mecánica ou manual, cando en realidade se trata de pintura, e moi pensada. Obra, en fin, sorprendente, incapaz de deixar indiferente o seu contemplador, a pouco sensible que sexa, se ben partindo desa enganadora humildade coa que se presenta. É indubidable que ese afán investigador acabará dándolle a Cerviño un camiño firme, persoal e inconfundible, sempre dentro dunha vangarda non convulsiva. Porque a súa obra é, ó tempo que avanzada, inevitablemente serea, clásica.
Bibliografía
II MOSTRA Unión Fenosa, MACUF, A Coruña, 1991.
GONZÁLEZ-ALEGRE, A.: Gólgota Suite, Caja Madrid, Pontevedra, 1998.