LOIS CORVERA
Corvera Peña, Lois
( Vigo, 1962 )
Biografía
Cursou a carreira superior de Belas Artes na facultade de San Carlos, en Valencia, e realizou os cursos do doutorado nela e na facultade de Pontevedra, entre os anos 1989 e 1992. Durante os seus estudios na capital levantina comezou a expoñer en mostras colectivas, en 1985. Ó ano seguinte participou en Arte Xoven Galega, en Vigo, e conseguiu o primeiro premio na edición en 1988 cun bodegón en díptico que poñía de manifesto un gran coñecemento da historia da pintura e do oficio de pintor. Foi seleccionado para a mostra de novísimos, integrada nas iniciativas da Bienal de Pontevedra, posteriormente fíxoo en case tódalas cidades de Galicia, en Oporto e en Barcelona. En 1997 foi finalista no certame Eixo Atlántico, que percorreu dezaoito cidades de Galicia e de Portugal. Realizou escenografía e vestiario teatrais e ilustrou varios libros, entre eles o titulado “Práctica teatral na escola”. Individualmente comezou a expoñer en Santiago de Compostela, en 1989, e as súas mostras percorreron galerías de Galicia e do norte de Portugal. A súa tarefa docente iniciouna no instituto de bacharelato de Noia. Actualmente pertence ó corpo de profesores de ensinanza media. Corvera iniciouse nun postimpresionismo raiano no expresionismo, aínda que sen desasirse dos modos enraizados no clásico. Obxectos sinxelos constituían os elementos dos seus bodegóns, ós que dotaba dun estraño encanto na mancha ampla e a luz atenuada. Posteriormente derivou cara a unha expresión máis elementalizada, incluíndo modos tradicionais da “colaxe”, dos que partiu a súa última expresión, con reminiscencias do gravado e a inclusión de imaxes fotográficas ou documentais nos ámbitos ideais, de carácter testemuñal e ata panfletario. Arquitecturas sinópticas aparecen como oprimidas por aramados de espiño, elemento referencial moi frecuente en Corvera, a súa pintura é moi sobria de entoación. Sobre fondos case neutros inscríbese un obxecto máis ou menos determinable, sexa animal ou da arquitectura, capaz de cobrar unha significación insólita, de lectura suxerente. Leva esta obra unha carga social e ata política evidente, aínda que finalmente se impoñen os valores plásticos, exquisitos, moi elaborados pese á aparente sinxeleza do resultado. Artista reflexivo, intelectualizado, posúe unha personalidade inconfundible no seu afán de incorporar á súa obra significantes e referencias ás veces documentais, e que se transforman en pura plástica. É dicir, unha harmonización da tradición e da vangarda moi significativa.
Bibliografía
Manuel Forcadela “corvera”, presentación do catálogo da exposición de Vigo, 1993. -Pontevedra con Centroamérica” catálogo da poxa a beneficio dos damnificados polo furacán Mitch, Deputación Provincial de Pontevedra 1999 coa obra reproducida na páx. 65. -Alvarez Cáccamo, Xosé María: Texto en catálogo. Porto, 1998. -VV.AA.: Práctica teatral na Escola. Vigo, edit. Ir Indo, 1992.