XURXO MARTIÑO
Costa Pérez, Martín
( Caxadas, Vimianzo, A Coruña, 1964 )
Biografía
Xurxo Martiño mudaríase desde a localidade coruñesa de Vimianzo a Santiago de Compostela cando era moi novo e será na capital galega onde ten a oportunidade de coñecer a varios artistas fundadores do colectivo Anakos, que propoñían dinamizar a zona vella histórica a través da arte, da cultura e da edición dunha revista homónima. En 1987 entrará a formar parte do colectivo, que foi presentado no Museo do Pobo Galego a través dunha exposición, na que se reunían artistas de diversos estilos e tendencias como X. A. Castaño, Parrallo, Nolo Suárez, Valeiras, Iglexias Diz ou Luis Suárez.
Ao comezo da seguinte década este grupo diluíuse, pero Martiño continuou mantendo contacto cos seus compañeiros, cos que seguiu colaborando en proxectos para Foro da Cultura Galega, Asociación Cultural O Galo, Burla Negra ou Asociación Galega de Artistas Visuais. Así mesmo, para conmemorar o vixésimo aniversario de Anakos organizaron o proxecto expositivo MEMORIA-Pinturas. Martiño compaxina o seu labor creativo co docente en Altaira Arte e Ensino, onde imparte clases de pintura e debuxo a público infantil e adulto.
Este creador, que traballa o debuxo, a pintura e a escultura, veu desenvolvendo unha traxectoria plástica na que interpreta a realidade que o rodea, na que a arquitectura e o urbanismo están moi presentes na recreación de vistas de vilas ou cidades, interiores de vivendas ou faros e que aborda desde un punto de vista conceptual. Foi internándose paulatinamente na abstracción, partindo desde obxectos e espazos recoñecibles, ata deconstruír as imaxes en planos, compoñendo unha especie de quebracabezas ou mosaicos que lle achegan volume á superficie e xeran estruturas volumétricas.
Martiño interésase pola xeometría, polo construtivismo e pola cor. A figuración no seu caso é unha simple interpretación do mundo que o rodea, da inmediatez, pero non significa que a aborde desde o realismo, aínda que parte de fotografías que lle serven para comezar a traballar. Nas súas composicións reina o silencio e a presenza humana é inexistente. Son cinco as obras deste autor presente na colección de Afundación, datadas entre 1995 e 1999, son todas de carácter figurativo.
Catro delas están protagonizadas por arquitecturas recreadas en espazos exteriores, tres son rúas baleiras e outra é un faro, que é unha das estruturas arquitectónicas sobre as que este artista traballou reiteradamente. Así mesmo, en Ortu nº 2 adianta as súas obras posteriores, nas que a superposición de planos logran configurar a composición a xeito de colaxe, moitas veces reutilizando táboas que expulsa o mar. A pesar de que o urbanismo, as arquitecturas e os espazos se amosan baleiros, paralizando o tempo, el considera que acaban por reflectir os distintos tipos de colectivos que os habitan.
A última obra é Composición I, un bodegón protagonizado por catro cuncas colocadas en equilibrio sobre un prato pequeno. O xogo compositivo permítelle a Martiño investigar sobre os volumes e como a luz incide sobre eles realzando as súas formas nun espazo; igual ca nas obras protagonizadas por arquitecturas ou urbanismos, tamén transmiten silencio.
Bibliografía
MAR de Fondo. Trinta artistas por Galicia, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1995.