XOSÉ LUIS DE DIOS
Dios Martínez, José Luis de
( Ourense, 3 de febrero de 1943 - Tui, Pontevedra, 2 de agosto de 2010 )
Biografía
Xosé Luís de Dios Martínez ten as súas raíces e infancia en Ourense. Aquí naceu e viviu o futuro pintor e ilustrador á sombra dos seus irmáns maiores, Manuel, profesor e poeta, compositor e músico, director da Coral de Ruada durante décadas, e Álvaro, sacerdote e codirector desta coral, determinantes influencias pois os libros son para o artista o seu elemento-base, desde as lecturas, especialmente poesía, coa música cal baixo continúo. Estudou na Escola de Artes e Oficios desde 1957 a 1964, con premios na modalidade de copia en xeso nos anos 1960 e 1961, e o Premio Nacional de Arte Xuvenil en 1962. En Luis Fernández Pérez “Xesta” —o seu profesor particular de debuxo— recoñeceu sempre o seu mestre. Os parladoiros arredor de Vicente Risco, no Hotel Miño e na Taberna de Tucho, son base do Grupo O Volter, os Artistiñas, como lles chamaba o polígrafo da Xeración Nós a el, Quessada e ao escultor Acisclo, para distinguilos de Failde e Prego, completan o seu cosmos nutricio.
Con aqueles fai varias exposicións, no Museo de Arte Moderna México D.F., 1971, e en Pamplona, ao ano seguinte. A primeira foi a do Hotel Roma en 1964 dedicada a Celso Emilio Ferreiro. Fai a súa primeira mostra en Ourense en 1963, e tres anos despois en Madrid, cidade na que vivirá ata a década dos anos noventa.
Bilbao, Zaragoza, Santander, Valladolid, son cidades nas que expón, ademais da capital, sen esquecer as galegas, nunha época de amplo raio. As obras destes anos son figurativas, de fortes empastes, caso das que lle dedica a Fuco Buxán.
Nas décadas seguintes perfila o seu estilo desde un gran despregamento debuxístico, tanto en óleo e acrílico coma nas súas obras en papel, gravados e traballos con tinta chinesa, gouache, acuarela ou sanguina, técnicas todas ao servizo da súa sensibilidade, desde a curiosidade e unha fértil imaxinación, caso das súas series dedicadas a momentos do día, ou ao circo. No seu regreso a Galicia, instálase en Tui, fase de maior sosego, centrada na pintura, expoñendo aquí, en Lugo, Santiago, Ourense, Vilagarcía ou Vigo, con apenas dúas saídas a Madrid nos noventa. Gustou da descomposición en planos, como se aprecia nos óleos dos setenta e primeiros oitenta, para conseguir unha volatilización controlada dos seus interiores, con bodegóns e temas figurativos en planos fragmentarios. Neles a cor vibra en múltiples fragmentos, coma se pasásemos dun cadro de Odilon Redon a un de Sol LeWitt, mais sen perder as formas e a espacialidade. É unha deconstrución sensorial a fin de que as recompoñamos, para degustar novos sabores. Participou en numerosas colectivas. Son boa mostra disto as institucionais dos anos noventa, Vangardas e silencios, Trazos e camiños (Xacobeo, 1993); Mar de fondo, Trinta artistas por Galicia, Espello do interior, Galicia terra Única ou en 1998 Art i solidaridat: Milán, 1972 - Barcelona, 1997. Fai as súas últimas individuais en 2003 en Ourense e Compostela, co colofón da retrospectiva en Caixanova, de Vigo e Ourense, 2008, comisariada por Mercedes Rozas, síntese dun camiño e homenaxe á creatividade da súa vida.
Limia Gardón
Bibliografía
ARTISTAS Orensanos, Deputación Ourense, Ourense, 1983.
GRAN Enciclopedia galega. Vol. 9, Silverio Cañada Edit., Gijón, 1974.
MON, F.: Pintura, contemporánea en Galicia, Caixa Galicia, A Coruña, 1987.
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caixavigo, Vigo, 1981.