MARIO GRANELL
Fernández Granell, Mario
( A Coruña, 1914 - Vigo, 1991 )
Biografía
Mario Granell fórmase con Juan González e Díaz Baliño. En 1927 funda a revista SIR (Sociedad Infantil Revolucionaria) co seu irmán Eugenio. Colaboran con eles Seoane e Maside, entre outros.
En 1928 expón individualmente na Sala Liste de Santiago, con eloxios de Fernández del Riego e na Sala de Turismo de Pontevedra. Ao ano seguinte participa na Exposición Rexional Permanente de Santiago.
Influenciado por renovadores como Maside ou Colmeiro, trasládase a Madrid en 1931 onde frecuenta os estudios de Fernández Mazas, Arturo Souto e Santiago Arbós. Únese ao grupo Avance, asiste a clases de Federico Rivas ou Peinador Alonso na Universidade Popular. Participa en parladoiros nos que coincide con Castelao, Valle-Inclán ou Lorca. Expón nos salóns do Ateneo e no Círculo de Belas Artes e no 34 en Santiago, Vilagarcía e Pontevedra.
Mario participa en 1935 na revista marxista Comunismo, que publica A Oposición de esquerdas e ese año intégrase no POUM.
A Guerra Civil bloquéao na Coruña. Capturado en 1937, é encarcerado ata 1942. Nesa etapa imparte clases de debuxo, escribe e ilustra os contos infantís Emar, Marsa e Sorom e Alguita. Ademais ilustra Voces de Enrique Martínez e Romance de Terras Pardas de Manuel Martínez Remis.
En 1942 recobra a súa liberdade, traballa como muralista, debuxante e decorador en diversos lugares. Destaca a sala de festas Miramar ou o Gran Hotel da Toxa. Tras fixar a súa residencia en Vigo, realiza escenografías, cartelismo e colabora co xornal La Noche. Experimenta tecnicamente, expón en Galicia e a nivel nacional. Contrae matrimonio en 1954 do que nacerán as súas dúas fillas.
Exiliado a Venezuela no 57, exerce como debuxante publicitario e conságrase como pintor. Realiza unha variada produción poética e artística: affiches, decoracións, murais... e obtén gran recoñecemento con obras que reflicten un interese pola fantasía sen límites. Mostra os seus tableaux vivant, escenas harmónicas de complexas composicións, onde insire a súa iconografía particular. As formas sobrepóñense e descompóñense en facetas de cor.
En 1962 trasládase a Valencia (Venezuela), expón na Galería Maraca de Maracay e en Puerto la Cruz. En 1966 dirixe o departamento de publicidade da empresa Mendoza e chega a Venezuela o seu amigo Celso Emilio Ferreiro. No 68 expón na Irmandade Galega de Caracas, colabora con xornais e revistas de Venezuela e Costa Rica.
Nos anos 70 viaxa a Colombia, Nova York, España, Portugal, Francia e Londres, e realiza exposicións como a da galería Cristóbal Rojas de Valencia.
En 1973 viaxa a Galicia, inicia un período expositivo a nivel nacional e internacional como a da Sala Van Gogh de Vigo, Sala Carrasco de Bogotá, Galería de Arte Da Vinci de Valencia, Galería Viva México ou a Galería La Trinchera de Caracas, entre outras. En 1974 crea as pezas A familia do guerreiro e Réquiem por Urbano Lugrís. Publica Estampas Amargas-Vivencias dunha guerra civil, Canción de Angustia, Caixón da Agulla dos Minutos e Ventos de Toureo. Ao falecer Celso Emilio en 1979 crea a peza Choro de dor e coraxe pola morte de Celso Emilio.
Regresa a Galicia en 1981, novo período de experimentación e libre evolución, a figuración e os temas desaparecen cara á abstracción, inclinándose por formas e cores lixeiras. En 1984 pinta O retorno do patriarca e Estampas de longa e dolorosa espera no 86, ambos os cadros na colección de Afundación. Imparte clases na Universidade Popular de Vigo e expón Xardíns siderais na sala municipal da Coruña. Nos 90 realiza unha carpeta de serigrafías onde destaca a súa contribución poética.
Eduardo López Valiña
Bibliografía
Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.
Granell, M.: Estampas amargas. Caracas, 1978.
Sobrino Manzanares, Mª Luisa: Catálogo del patrimonio artístico de la Diputación de A Coruña. A Coruña, Diputación, 1991.
I Mostra Unión Fenosa. A Coruña, 1989.
Castro, X. Antón.: Colección Arte Galega. A Coruña, Xunta de Galicia, 1989.
Ilarri Jimeno, Angel: Catálogo do Pazo Museo «Quiñones de León» Vigo, Concello, 1978.
Obra
-
La familia del guerrero 1974
-
Estampas de larga y dolorosa espera 1986
-
Réquiem por Urbano Lugrís 1974
-
El retorno del patriarca 1984