ANA GARCÍA PAN
García Pan, Ana
( A Coruña, 31 de agosto de 1951 )
Biografía
Inicia os estudos artísticos na Escola de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos da Coruña (1963-1968), continúa na Escola Superior de Belas Artes de San Carlos en Valencia (1968-1970) e posteriormente na Real Academia de San Fernando en Madrid (1970-1973); en 1983 obtén a licenciatura en Belas Artes. Comeza o seu labor docente como profesora asociada na Escola de Valencia en 1987, en 1993 obtén unha praza de profesora titular e doutórase en Belas Artes en 2003. Impartirá diversas materias dentro do Departamento de Debuxo. Compaxina a súa profesión como docente coa súa faceta artística; comeza a súa actividade expositiva, cando contaba con tan só dezaoito anos, no XI Certame Nacional Xuvenil de Arte en Málaga —obtén a medalla de prata e o premio extraordinario—, así como na Exposición do Centro de Iniciativas e Turismo na Coruña (no que gana a medalla de ouro), ás que seguirán mostras tanto individuais coma colectivas en numerosas cidades de España, principalmente na rexión valenciana —o seu lugar de residencia—, en Estados Unidos e América do Sur, e participacións en feiras internacionais de arte contemporánea como Interarte e ARCO en repetidas edicións. Obtivo numerosas bolsas e axudas como a bolsa da Fundación Barrié de la Maza (1968 e 1970), a bolsa de El Paular para pintar paisaxe en Segovia (1972), a dotación de arte Castelblanch para realizar estudos en Italia (1974) ou a dotación do Ministerio de Cultura en 1981 para realizar unha exposición na Galería Punto de Valencia (1981); e a súa concorrencia a certames e concursos reportoulle importantes galardóns, ademais dos anteriormente mencionados, como a medalla de prata do Ministerio de Educación e Ciencia (1972), o segundo premio na III Bienal de Alfafar en Valencia (1984) ou o premio e adquisición de obra na I Mostra Unión Fenosa na Coruña (1989); o seu traballo está representado en coleccións como a do Museo de Arte Contemporánea Villafamés ou a do Museo de Arte Contemporánea de Elx, entre outras.
Considerada unha das pintoras galegas máis destacadas do século XX, cultiva unha persoal poética de acento lírico na que combina un maxicismo de vagas referencias formais, de significado oculto onde se poden apreciar influencias da arte indíxena latinoamericana, co informalismo. As súas superficies matéricas destacan pola súa elegancia e lixeireza, así como un exquisito tratamento da cor.
Na Colección Afundación figuran dúas obras da autora coruñesa. No óleo Composición (1978), aparecen representados sobre un fondo evanescente en tonalidades neutras de ocres e grises unha serie de esquemáticos grafismos e formas xeométricas, en negros, vermellos, azuis, verdes e amarelos, que zumegan dinamismo e semellan lembrar os ronseis do voo dun cometa ou un movemento musical. A delicadeza no tratamento da materia e xunto coa precisión coa que sitúa os golpes de cor remarcan o lirismo da peza. En Paisaje Urbano (1987), válese dunha técnica mixta e colaxe para representar, coa súa linguaxe de aparencia inxenuísta, unha escena urbana como soñada na que representa un home sobresaltado cos brazos levantados en primeiro termo, ao carón dun gato de grandes dimensións e baixo un ceo que cruza un avión. O xogo de escalas, a esquematización de formas, o dinamismo da pincelada, xunto co emprego dunha paleta ampla e contrastada lembra a estética do cómic.
Bibliografía
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caja de Ahorros Municipal de Vigo, Vigo, 1981.
I y II MOSTRA Unión Fenosa, MACUF, A Coruña, 1989 y 1991.