CRISTINO MALLO
Gómez González, Cristino
( Tui, Pontevedra, 23 de agosto de 1905 - Madrid, 11 de enero de 1989 )
Biografía
Nace en Tui, pronto se traslada a Avilés debido á profesión de funcionario de aduanas do seu pai, que obrigará a familia a cambiar de domicilio frecuentemente. Na cidade asturiana inicia a súa formación artística na Escola de Artes e Oficios —igual ca a súa irmá, a xenial pintora Maruja Mallo— e amosa interese pola modelaxe. En 1923 trasládase a Madrid, e continúa a formación na Escola de Belas Artes de San Fernando e na Escola de Artes e Oficios, onde conta con profesores como Moreno Carbonero, Miquel Blay, Capuz ou Mateo Inurria. Nesta época frecuenta o Museo de Reproducións Artísticas, así como os cemiterios madrileños, nos que admiraba as esculturas dos panteóns. Remata os estudos en 1927 e empeza a ser un asiduo dos faladoiros do Café Gijón ou da Granja del Henar, onde establece amizade con célebres personaxes como Miguel Hernández, Dalí, Lorca ou Cela. En 1929 recibe a primeira encarga importante: unha lápida conmemorativa para Manuel Ventura Figueroa —fundador do Hospital Real de Santiago de Compostela. En 1933 recibe o Premio Nacional de Escultura pola súa obra de mármore branco Desnudo con pez, que hoxe pertence á Colección do MNCARS de Madrid. Durante a guerra civil alíase co bando republicano e este feito lévao a pasar un período de oito meses no cárcere. Cómpre salientarmos o seu labor docente nas escolas de Artes e Oficios —primeiro en Salamanca e, posteriormente, en Madrid, ata que se xubila en 1972. En 1947 realiza a primeira mostra individual na Galería Estilo de Madrid, e, ao longo da súa traxectoria, a súa obra percorreu España e o resto do mundo. En 1973 é nomeado académico de número da Escola de BBAA de San Fernando e en 1983 obtén a Medalla de Ouro de Belas Artes.
Artista que destaca principalmente na escultura, tamén explora o debuxo e a colaxe. O seu traballo escultórico —cheo de dinamismo e vitalidade— desenvólvese dentro do ámbito figurativo, sen grandes estridencias e desde a súa humilde e silente existencia, co foco posto na procura do esencial; a sinxeleza convive coa grandeza, e destaca a sobriedade e a expresión de sentimentos íntimos; de todo aquilo relacionado co próximo: xestos e signos propios do ser humano. Estilisticamente, sitúase próximo a Maillol, Marini ou Manzú, aínda que incorpora algunhas das innovacións formais da escultura abstracta. Desde un principio, o bronce é o seu material predilecto, porque “permite unha maior espontaneidade e a conservación do primeiro impulso”, e fai un uso indistinto do relevo e o vulto redondo; predomina o formato reducido, aínda que tamén realiza esculturas de grandes dimensións para monumentos urbanos.
Na Colección Afundación atopamos unha obra sobre papel e tres esculturas do autor, datadas entre 1960 e 1970. A tinta sobre papel corresponde aos suxestivos e esquemáticos, máis ca descritivos, estudos que realiza da figura feminina en movemento, que lle serven en certas ocasións para as súas esculturas. As tres obras escultóricas son de formato pequeno e todas están realizadas en bronce; o tratamento do material resulta fundamental, con superficies sen puír que van tomando forma mediante un leve modelado. Son figuras que destacan polo movemento suxerido e imaxinado no espazo, mediante posturas cotiás e triviais. As maternidades, xunto coa figura feminina, resaltan especialmente no seu corpus escultórico; son corpos robustos con xenerosas curvas e dunha sinxeleza formal que lle permite explicitar os sentimentos humanos coa súa característica sinceridade.
Bibliografía
CRISTINO Mallo. Exposición homenaje, Ministerio de Cultura, Madrid, 1987.
CRISTINO Mallo (1905 - 1989), esculturas e debuxos, Casa da Parra, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1996.
CRISTINO Mallo, Caixanova, Vigo, 2007.
CELA, C. J.: Los vasos comunicantes, Edit. Bruguera, Barcelona, 1981.
GAYA NUÑO, J. A.: Escultura española contemporánea, Edit. Guadarrama, Madrid, 1957.