ANTÓN LAMAZARES
Lamazares Silva, Antón
( Maceira, Lalín, Pontevedra, 2 de enero de 1954 )
Biografía
A contorna rural do seu lugar de nacemento, Maceira, marcará profundamente o artista. Do 64 ao 69 estuda interno no convento franciscano de Santo Antón de Herbón, onde se afecciona á literatura clásica grecolatina, o que o leva a comezar a escribir poesía. Posteriormente o seu interese inclínase cara á pintura e fórmase de maneira autodidacta; resulta crucial a viaxe que realiza en 1972 por Europa para estudar a obra de Van Gogh, Klee, Rembrandt e Miró. As súas primeiras exposicións realízaas en 1973 na praza da Princesa de Vigo. En 1974 ten lugar a súa primeira mostra individual en Santiago de Compostela. É bolseiro en 1976 e 1978 da Deputación de Pontevedra e do Concello de Lalín, e en 1980 obtén unha bolsa do Ministerio de Cultura, ano no que participa na primeira edición de Atlántica. Nos anos oitenta inicia unha imparable proxección tanto nacional coma internacional que continúa ata a actualidade. Contra finais dos oitenta permanece dous anos en Nova York cunha bolsa Fulbright e en 1990 instálase en París coa bolsa da Cité des Arts. En 2004 traslada a súa residencia a Berlín, onde vive ata 2016, para logo instalarse en Madrid, onde reside na actualidade. Ao longo da súa traxectoria foi galardoado, entre outros, co Premio Laxeiro, a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago ou a Medalla Castelao. Atópase representado en museos e coleccións como Afundación, MNCARS, CGAC, Museo de Arte Contemporánea de Madrid ou o Museo Marugame Hirai de Xapón.
Para Lamazares a misión do pintor real é «encarnar el misterio de la vida de tal manera que el cuadro sea una tabla de conocimiento para el hombre». Así, a súa pintura fala de espiritualidade, emoción, natureza, territorio, vida e morte. Ao longo da súa traxectoria traballa por series que se mesturan no tempo. Comeza utilizando materiais humildes como o cartón e a madeira —recorrentes na súa carreira— cunha figuración lúdica, expresionista, de intenso colorido, que evoca a art brut e povera. O seu afán experimental lévao a introducir vernices satinados e brillantes a partir de 1984. En Nova York a súa pintura vólvese máis depurada e matérica, e en París realiza as pinturas bifrontes, traballadas por ambos os dous lados. A partir de 1990 atopamos unha pintura escultórica de gran formato. Logo do seu traslado a Berlín déixase seducir polo informalismo e na súa última etapa abraza o minimalismo.
Sete obras do autor forman parte da Colección Afundación. Na súa obra máis temperá, Lola (1985), representa ironicamente unha figura feminina en negro sobre un fondo avermellado que evoca a Dubuffet. O espírito místico e relixioso apréciase tanto en Sufrido (1985), a través dunha cruz, un ataúde e a cor negra, como en Selo 23 (1987), máis xeométrica e minimalista. Contra finais dos anos oitenta prodúcese un estalido emocional, manchas de cor que invaden o soporte evocan follas, flores ou explosións cósmicas —Grazas Vagabundas— e agochan, en ocasións, figuras humanas ou corazóns fendidos no cartón —Arcela Codia, Bodegón ou Ofelia; pezas realizadas en diferentes etapas, pois o artista establece un diálogo entre etapas e series que exemplifica a complexidade do seu mundo interior. A dualidade, constante na súa obra, aparece na obra máis tardía, Perdices (1997), onde manchas negras «xemelgas» de gran forza expresiva nos achegan o animal salientado sobre cadanseu fondo ocre-avermellado de múltiples matices. Común a todas elas é o persoal uso de materiais pobres como cravos, madeira ou cartón filtrados polo seu particular tratamento de vernices.
Bibliografía
O ROSTRO do tempo, Concello de Vigo, Vigo, 1991.
ROMA Compostela, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1989.
TEMPOS de pintura, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1985.
VV. AA.: Un siglo de pintura gallega 1880/1980, Museo Nacional de Bellas Artes, Buenos Aires, 1984.