ANA LEGIDO
Legido Soto, Ana
( Ourense, 1939 - Sabarís, Baiona, Pontevedra, 2012 )
Biografía
Poucos artistas tan inmersos na plástica coma esta delicada, elegante, encantadora e tenra pintora, esposa, nai, cuñada, tía de pintores, a ampla familia Quesada. Calquera que fose a formación académica de Ana Legido, importaría moito menos có seu propio carácter, o ambiente que viviu, os continuos diálogos sobre pintura que terá mantido para a súa andaina. Comezou a expoñer hai tres quinquenios e desde aquela as mostras reiteráronse en Vigo, en diversas cidades de Galicia e mais en Madrid. Aínda que non é estrictamente "naif", adóitase encadrala como tal e coleccionistas desta modalidade tan peculiar buscan os seus cadros porque é exquisita, perfecta, evocadora e, ó cabo, primorosa. Está representada en museos de Galicia e tamén en importantes coleccións institucionais e particulares. Ana Legido é Lewis Carrol e Aubrey Beardsley. É un paseo por Baden-Baden en 1900 e un aparte na representación de calquera peza de Óscar Wilde, quen de seguro a amaría apaixonadamente, de vivi-la mesma época. A pintora osma nos recunchos da súa memoria de ensoños, de vivencias imaxinadas e dános escenas nas que señoritas de historia da vestimenta, branca, azul, rosa, dialogan nun sofá de vimbio, coma se descansasen no prado dun castelo do que se duplica a súa silueta no curso do Loira. Todo nela é deliberamente intemporal. O grafismo é tan minucioso que semella caligrafiado. A materia é precisa, coma se estivese bordada a man. Rostros alongados ou gordos, criaturas con mans inacabables, brincan con panos de encaixe de seda e esperan a Chejov, a Ibsen e se cadra ó primeiro Benavente. A súa pintura ten unha grande carga literaria, unha estraña mestura de realismo inexistente e de imaxinación sen límite, literatura infantil dita graficamente da man dunha sabia, paciente,deliciosa artista que semella que habitou Bomarzo nos tempos que evoca Manuel Múgica Laínez. Un quixera habitar eses mundos de Granada, inmaculada ledicia deliberadamente simple, babiola, de cando Alfonso XII, na canción da señorial praza de Oriente, ía na procura de Mercedes a quen non vira a tarde anterior. Prodixiosa Alicia-Ana nun novo país das marabillas, moito máis, moitísimo máis cá atractiva torpeza inxenua dos "naif".
Bibliografía
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caja de Ahorros Municipal de Vigo, Vigo, 1981.