JANO MUÑOZ
Muñoz López, Alejandro
( A Coruña, 1971 )
Biografía
Jano Muñoz formouse na súa cidade natal, A Coruña, na Escola de Artes e Oficios Pablo Picasso. Será entón cando comece a súa actividade expositiva por diversas cidades galegas para continuar a súa formación en Barcelona, desde onde se lle brindará a oportunidade de exhibir o seu traballo en distintos punto a nivel nacional. En 2018 o Kiosco Alfonso da Coruña dedicoulle unha exposición aos últimos dez anos da súa carreira na que amosou algúns dos seus retratos de familiares e de membros destacados da sociedade coruñesa, paisaxes e bodegóns.
A produción deste autor está presente en diversas coleccións públicas como a do Concello da Coruña, a Colección da Xunta de Galicia ou a do Museo de Belas Artes da Coruña. Muñoz recibiu o Primeiro Premio de Pintura ao Natural de Endesa e o Premio Vinte e cinco Artistas Novos de Cataluña, ademais de quedar finalista no Premio Kronenbourg.
Destaca na súa traxectoria o dominio que ten da técnica coa que traballa nun estilo realista, en ocasións case hiperrealista, que resulta un medio para afondar sobre situacións cotiás que o rodean, ben sexa o contorno ou as persoas. Muñoz defínese como un pintor clásico, moi influenciado polos estilos flamenco, barroco e romántico. Isto queda reflectido na elección dos xéneros que traballa, entre os que destacan o retrato, a paisaxe e o bodegón; así como na utilización de pigmentos naturais e aceites, ademais da coidada preparación dos soportes.
Nesta colección consérvanse dúas vistas urbanas baixo os títulos Farol con rúa e O Cairo. O xénero da paisaxe é un dos predilectos deste autor e é que considera que un dos mellores investimentos que se pode facer na vida é viaxar, xa que está interesado en poder contar a súa vida e para iso necesita que esta sexa intensa. Os periplos sérvenlle de fonte de inspiración cando nota que se lle esgotan as ideas e afróntaos como unha fonte de renovación.
As outras catro obras pertencentes a Afundación enmárcanse no xénero do retrato, das cales unha é a escenografía dun grupo e outra, un autorretrato. Este último, baixo o título Auto de Fe, inspírase nas creacións que Goya dedicou a denunciar o papel da Inquisición na sociedade española. Muñoz retrátase co carapucho que lles colocaban aos condenados durante a celebración dos autos de fe. A familia protagoniza moitos dos retratos de Muñoz, como sucede con Martín Muñoz e con Francisco Muñoz Carrasco, mariño mercante, meu pai. O pintor afirma que cando retrata pretende abordar o interior do protagonista e que se reflicte no resultado final.
É neste xénero, máis traballado nos últimos anos da súa carreira, onde se aprecia o interese de Muñoz polo estudo da luz e da influencia do claroscuro barroco, así como o uso contido da cor. Todas estas características fan que a pintura de Jano Muñoz transmita serenidade, así como profundidade reflexiva. Por último, cabe destacar que preferiblemente elixe formatos grandes para traballar, xa que estes lle permiten conseguir resultados máis espectaculares, nos que luzan máis os detalles.
Bibliografía
VI mostra Unión Fenosa. A Coruña, 1999.