ENCARNACIÓN PENELAS
Penelas Valladares, Encarnación
( As Quintas, Codeseda, A Estrada, Pontevedra, 1935 )
Biografía
Espírito plástico, inquedo, eminentemente creativo, empezou compartindo a expresión sobre dúas dimensións coas formas corpóreas. Participou en mostras colectivas desde moi nova, a partir de 1978 realizou numerosas exposicións persoais en tódalas cidades de Galicia e nalgunhas de Portugal, Canadá e Suiza. Unha paisaxe súa, de carácter postimpresionista, estivo na última das mostras do centenario de Caixavigo, en 1980. O seu afán de coñece-las novas tendencias da arte levouna a viaxar por toda Europa, Asia menor e o norte de África. Figura en coleccións institucionais e museos de Galicia. Encarnación Penelas, excelente debuxante, decantouse pola escultura, e en concreto pola figura humana, con tallas habitualmente de pequenas dimensións e acabada exquisito en mármore e materias máis duras, ou en bronces de pulido pulquérrimo. Simplifica as formas, xoga coas curvas moi habilmente e acada expresións moi fermosas, nas que acusa a influencia de Boccione, Gargallo e outras figuras senlleiras da escultura contemporánea, se ben chega sempre a súa propia expresión, de concepto intimista digno da caricia da man no primor do resultado.
Bibliografía
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caixavigo, Vigo, 1981.