JORGE PETEIRO
Peteiro Vázquez, Jorge
( A Coruña, 1959 - Sada, A Coruña, 20 de febrero de 2013 )
Biografía
Estuda bacharelato nos xesuítas da súa cidade natal e xa amosa un especial interese pola pintura, o debuxo e mais o cinema. Iníciase no mundo artístico no teatro independente co grupo Teodam, e elabora algúns fanzíns e murais. En 1977 comeza estudos universitarios en Santiago de Compostela e intégrase en diversos grupos de vocación contracultural. Viaxa por Italia, Francia e España. En 1979 trasládase a Valencia para ingresar na Escola de Belas Artes de San Carlos e alí licénciase na especialidade de Gravado. Realiza a primeira individual na Aula de Cultura de Caixa Galicia na súa cidade natal, tras comezar a súa actividade expositiva na colectiva Centenario Picasso en 1981. Entre 1985 e 1990 exerce como docente de Debuxo en institutos de Ortigueira, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Cambados e Betanzos. Trasládase a Nova York, onde coñece as últimas tendencias artísticas, expón e relaciónase con artistas como Francisco Leiro, David Salle ou Julian Schnabel. Regresa en 1992 para instalarse na Coruña, e inicia un prolífico e recoñecido período no que participa en numerosas mostras individuais e colectivas en España e no estranxeiro. Intégrase no ambiente cultural da cidade con artistas como Alfonso Abelenda ou Xaime Cabanas, cos que realiza varias exposicións. Tamén leva a cabo varios proxectos artísticos xunto coa súa compañeira de vida, a tamén artista Beatriz García Trillo. A súa obra figura en destacadas coleccións privadas e particulares, e realizou numerosas encargas para institucións, como a escultura que preside o acceso ao Aquarium Finisterrae da Coruña, a instalada no Hospital Juan Canalejo da cidade herculina ou o mural cerámico do edificio central do parque eólico Osorio no Brasil.
A obra de Peteiro posúe ese “factor máxico” que lle atribuía á pintura —vía que o pincel era coma unha vara máxica— mesturado cun compoñente lúdico que fai que as súas pezas sexan unha explosión de luz, cor e optimismo. Artista polifacético (tamén traballa a escultura e a serigrafía) e tremendamente convencido da súa misión, constrúe unha linguaxe propia próxima ao sistema narrativo do cómic. Crea unha orixinal maneira de interpretar o contorno que habita a través dun estilo de figuración libre que ten como referente a Paul Klee. O seu sistema compositivo é deliberadamente esquemático cunha aparente falta de perspectiva (a modo de crebacabezas), e cunha iconografía propia, o cromatismo é plano e contrastado. Todos os elementos encaixan á perfección nas súas coidadas composicións organizando as súas xeniais paisaxes, bodegóns e retratos.
Na Colección Afundación figuran dúas paisaxes en gran formato —o seu preferido— dos noventa. Nas dúas recoñécese o característico aspecto de vidreira, o seu paisaxismo soñado con gran dose de abstracción e fantasía, as clásicas grecas e bodegóns que adoitan completar as súas paisaxes, e a impresionante paleta que, sen dúbida, o identifica. En Bodegón e Iglesia, funde a paisaxe cunha serie de elementos que compoñen unha natureza morta na soleira dunha fiestra. En Fortaleza, destaca o carácter surrealizante e lúdico. Un recinto fortificado situado nun promontorio convértese nese territorio de fantasía onde o ceo pode ser amarelo e nel poden nadar os peixes, onde as árbores poden falar e estraños animais azuis pacen no bosque. Un lugar máxico creado por este xenial “tolo cordo” –como el mesmo se definía— que nos transporta ao territorio da infancia e dos soños.
Bibliografía
PETEIRO 00, Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Direccion Xeral de Promoción Cultural, Santiago de Compostela, 2000.
PETEIRO, Concello de A Coruña, A Coruña, 1998.
PETEIRO, Casa de Galicia, Madrid, 1994.