XESÚS VÁZQUEZ
Vázquez Pérez, Xesús
( Pentes, A Gudiña, Ourense, 1946 )
Biografía
Nado en Ourense, trasládase a Santander cando aínda é moi pequeno, onde se establece, aínda que manterá un vínculo constante con Galicia. En 1967 inicia os estudos na facultade de Belas Artes en Madrid, pero finalmente opta pola vía autodidacta e completa a formación en asiduas visitas ao Museo do Prado. En 1975 viaxa a París, onde se empapa das obras de autores renacentistas e románticos do Museo do Louvre, e posteriormente, visita Venecia, onde amosa un especial interese polo vangardismo das bienais. A súa intensa actividade expositiva comeza cunha mostra individual no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense en 1968. A súa obra percorre España, Europa, Estados Unidos e Xapón, e participa en destacadas feiras de arte contemporánea internacionais como ARCO ou Art Basel. Milita durante un tempo na UPG, participa en Atlántica e expón na mostra de 1983 en Santiago de Compostela. Ao mesmo tempo tamén cultiva a poesía, que ten un grande influxo na súa obra plástica. Concédenlle unha bolsa do Ministerio de Cultura en 1982, e obtén galardóns como o primeiro premio na II Bienal de Pintura de Albacete (1987), Premio Constitución de Pintura Junta de Extremadura (1992) ou o Premio Todisa de Pintura (1999). A súa obra está representada en numerosas coleccións institucionais de prestixio como a do MNCARS, CGAC, Abanca, Concello de Ourense, Unión Fenosa, Museo de Belas Artes de Santander, Fundación Coca-Cola, BBVA, IVAM, Banco de España, Aena, Museo Cantini de Marsella, Dobe Collection (Zürich) ou a da Fondation Colas (París), entre outras.
Pintor ecléctico, a súa sólida formación impregna o seu imaxinario no que conviven abstracción e figuración. Nas súas primeiras obras a materia é abundante, ao igual ca as referencias a Galicia. A finais dos sesenta evoluciona cara ao expresionismo abstracto. A partir dos oitenta dálle un xiro á súa produción, pois introduce a figuración e combina abstracción e naturalismo. Influenciado pola arte pop, desenvolve en series unha pintura de acento lírico, paisaxes propias de sutil simboloxía e referencias aos seus inabarcables e diversos intereses. A relación coa poesía é constante: acontecementos históricos e batallas, o concepto de memoria, o jazz, a arte xaponesa, a mitoloxía, o mundo moderno… Posteriormente, a figura humana iralles cedendo protagonismo aos anagramas, recorrentes no seu imaxinario. Ademais da pintura —a súa técnica predilecta—, explorou o gravado, a escultura ou a fotografía.
Na Colección Afundación figuran dúas obras —as dúas de 1992— que amosan a súa preocupación acerca de que a arte «estea en contacto coa posición ética do home no mundo». As dúas obras reflexionan sobre acontecementos históricos que logra transformalos en obxectos desde unha estética próxima á pop. En 1812, sobre un fondo abstracto composto de drippings, retículas e masas de variado colorido, representa, con trazo firme e esquemático, un indíxena loitando contra unhas feras. Na zona superior aparece escrito ao revés o título en letra mecanizada; o artista establece un sutil xogo de relacións, con efecto de sobreimpresión, que invita a reflexionar acerca das Cortes de Cádiz de 1812 e a cuestión indíxena. Le somme segue o mesmo camiño, superpón un toucador sobre un irreal fondo abstracto, e na zona inferior aparece o título en idéntica tipografía, para amosar a súa persoal visión sobre a batalla neste río en 1916. Son dúas obras nas que reflicte a súa inquietude por temáticas de natureza histórica e humana.
Bibliografía
III Mostra Unión Fenosa, Unión Fenosa, A Coruña, 1993.
SEOANE, X.: Identidade e convulsión, Edic. do Castro, Sada, 1990.
XESÚS VÁZQUEZ. Campos, Centro Cultural, Deputación de Ourense, Ourense, 2003.