ANTONIO FERNÁNDEZ
Fernández Gómez, Antonio
( Goián, Tomiño, Pontevedra, 16 de febrero de 1882 - 2 de noviembre de 1970 )
Biografía
Coma un galego máis, emigra a América na súa mocidade. Concretamente, ós doce anos está no Brasil. En Sao Paulo recibe leccións de debuxo e pintura do artista alemán Ernesto Papf. As primeiras exposicións do xove pintor son un fracaso. Pero non se apouca e segue percorrendo o gran país e nas cidades de Pará e Manaos é moito mellor a acollida que obtén. O bo signo que comezara confírmase en Río de Janeiro, onde obtén un galardón e vende canto expón. De ahí que unha boa parte da súa obra inicial, onde xa están case tódalas características do seu realismo maxistral, se atope neste país e sexa agora rescatada, a altos prezos, por coleccionistas e interesados na pintura do mestre de tantos pintores. Fernández regresa definitivamente a Europa, pero a súa inquedanza por coñecer mundo persiste. Viaxa a Italia e descubre unha viliña pintoresca perdida entre montañas, Antícoli Corrado, con casas adheridas ós somontes do accidentado terreo e rúas tortuosas polas que circulan ovellas e cabras. O artista traballa alí incansablemente, nunha paz absoluta, para amarra-la realidade de tal xeito que ás paredes das casas dos seus cadros se lles salta o repellado e ás súas ovellas as hai que tosquiar ó cabo dun tempo porque o vélaro prospera na súa condición de aceite e pigmentos. Neses mundos italianos, o goianés coñece a artistas españois de renome coma Sotomayor, Benlliure e Barbasán. De volta en España concorre ás exposicións nacionais, aínda que se amosa inasequible ó costume de obsequiar a determinados personaxes oficiais para subir postos nunha imaxinaria escala que moitas veces ten moi pouco que ver coa pintura. Sen embargo, a súa obra impresiona nada menos que a Ramón y Cajal, premio Nobel de Medicina, que a glosa nun dos seus libros, no que reflexiona sobre a vellez. Participa nos Salóns de Outono, na sétima edición do cal é nomeado socio de mérito. A súa obra cruzará de novo o Atlántico para mante-los contactos e mailo prestixio que acadara en Brasil. Expón en cidades de Galicia e o éxito acompáñao sempre, aínda que Antonio Fernández nunca envaidece. Polo contrario, persiste na súa actitude discreta, interesado unicamente por extrema-la calidade da súa obra, realmente excepcional. Acomete obras de grande empeño, coma As fiandeiras, en certa maneira unha homenaxe implícita a Velázquez no xogo do claroscuro e ó Greco, xa que a escena ten algunha relación ambiental coa suposta obra do establecido en Toledo e que constitúe o retrato da súa familia. O noso artista, na súa casa rural da vila próxima á desembocadura do Miño, traballa incansablemente. Ó seu arredor fórmanse pintores coma Xavier Pousa e inflúe noutros artistas, os escultores Xoán Piñeiro e Magín Picallo, así coma no escritor Eliseo Alonso, que será o seu primeiro e, ata agora, definitivo biógrafo. Moi pouco antes da súa morte, o Círculo Mercantil de Vigo organiza unha exposición antolóxica do goianés, que foi a última aparición en público do artista, xa consumido polo traballo e os anos. Fernández faleceu ese mesmo ano, 1970, o 20 de novembro, cando tiña 82 anos, practicamente cos pinceis na man, disposto a prosegui-las súas paisaxes do Miño, os seus mundos rurais.
A obra de Antonio Fernández atópase en tódolos museos de Galicia. O de Lugo conserva un dos poucos nus que pintou na súa vida, con xogos de espello moi velazqueños. O de Vigo, un autorretrato da súa xuventude, verdadeira análise psicolóxica dun carácter firme, discreto, introvertido. Fernández preocupouse en que a pintura fose un reflexo total, absoluto, da realidade observada. Trátase de captar con fidelidade suprema a apariencia das cousas, da natureza, no seu ambiente máis preciso. Hai sempre un toque de melancolía, propio do talante do pintor, en cada un dos seus cadros, nos que a anécdota, como desexaba o mestre Eugenio d´Ors, se eleva a categoría. Unha ovella pacendo no campo é tema suficiente para un óleo de calidade irreprochable. Os troncos retorcidos, medio secos, de catro oliveiras tamén. Coma dúas casuchas de aldea pegadas ó declive dunha montaña. Ou coma as flores máis humildes, nun xerro de cerámica popular. Os seus crisantemos parece que van perde-los pétalos, porque están pintados na súa absoluta madureza. Poucas veces coma nesta pintura gañouse a emoción desde o equilibrio total, baseado nun debuxo firme, seguro e nunha técnica irreprochable que vai desde a preparación do lenzo de soporte á utilización dos pigmentos, invariables na súa intensidade.
Bibliografía
ALONSO, ELISEO. La pintura de Antonio Fernández. Goián, 1959 e A Guarda, 1984.
ALONSO, ELISEO. Voz Fernández Gómez, Antonio, en «Gran Enciclopedia Gallega». Tomo XII, 1970.
ALONSO, ELISEO. Centenario del pintor Antonio Fernández. En Libro de Festas do Monte. A Guarda, 1983.
CARBALLO-CALERO RAMOS, Mª VICTORIA. Cátalogo de pintura del Museo de Lugo. Lugo, 1969.
CHAMOSO LAMAS, MANUEL. Arte en Galicia. Publicaciones Fundación March, Madrid, 1976.
Catálogo da exposición homenaxe do 125 aniversario do seu nacemento. Goian 2007.
ILARRI GIMENO, ÁNGEL. Catálogo del Museo Quiñones de León. Concello de Vigo, 1978.
OTERO TUÑEZ, RAMÓN. Plástica gallega. Caja de Ahorros Municipal de Vigo, 1981.
PABLOS, FRANCISCO. Pintores gallegos del novecientos. Editorial Atlántico, A Coruña, 1981.
POUSA, XAVIER. Antonio Fernández. Artistas galegos, pintores, O Rexionalismo I. Nova Galicia Edicións, Vigo, 1997, pp. 142-175.
RAMÓN Y CAJAL, SANTIAGO. El mundo visto a los ochenta años. Librería Beltrán, Madrid, 1941.
SOBRINO MANZANARES, MARÍA LUISA. Historia del arte gallego. Los contemporáneos. Editorial Alhambra, Madrid, 1982.
VV.AA. Bienal de Arte. Pontevedra, agosto, 1982.
VV.AA. Exposición antológica. Caixavigo, Vigo, 1986.
VV.AA. Un siglo de pintura gallega 1880/1980. Buenos Aires, Museo Nacional de Bellas Artes, 1984.