ALCOLEA
García Alcolea, Carlos
( A Coruña, 1949 - Madrid, 20 de septiembre de 1992 )
Biografía
Carlos García Alcolea, luminaria de fugaz existencia física polo seu falecemento temperán, máis de perdurable pegada pola súa obra, é coñecida internacionalmente polo nome de pía e o seu segundo apelido. Nado en A Coruña, no seo dunha familia acomodada que ten seis fillos, vive dende neno un ambiente cultural, con grande afección á música, que auspicia o seu tío, o crítico Fernández Cid, que lle presentará ó compositor e director Ataulfe Argenta. A profesión paterna leva á familia a Cadiz, onde o futuro pintor comeza os seus estudios. Unha grave enfermidade obrígalle a permanecer unha longa tempada no leito, que aproveita para ler incansablemente ós grandes autores. En 1967 instálase en Madrid, para cursar a carreira de Dereito, e ve as primeiras pinturas informalistas na galería de Juana Mordó. Un ano máis tarde pinta o seu primeiro cadro, entre expresionista e abstrcto. Pasa o verán en Bretaña e visita París, interesándose máis pola pintura. Coñece ó pintor Luis Gordillo, asiste con asiduidade ó teatro e realiza os seus primeiros collages. Le reiteradamente a Marx, interésase por Genet e visita a exposición de Giacometti en París. Admira a David Hockney. En 1970 pinta Piscina, tema recorrente na súa obra. É lector incansable de monografías de arte. En 1971 realiza en Madrid a súa primeira exposición individual. Fai amizade con Pérez Villalta e outros pintores xoves. Traballa con Juan Manuel Bonet, despois Director del IVAM de Valencia e do Museo Reina Sofía. Participa en diversas mostras colectivas e a finais do 1974 viaxa a Nova York, onde permanece algún tempo. A súa volta expón co seu colega Carlos Franco en Madrid. Viaxa a Bos Aires en 1976, e o seguinte ano volta a Paris, co motivo da inauguración do Centro Pompidou. En 1978 está en Italia, onde asiste a festivais de música e visita a Bienal de Venecia. Proseguiron as súas exposicións individuais, ata que en 1980 ten o recoñecemento dunha retrospectiva no Museo de Arte Contemporáneo de Madrid. Publica o libro Aprender a nadar. Realiza exposicións en Canarias e Murcia. Bonet escribe textos sobre a pintura do sobranceiro artista. Continúa viaxando por medio mundo e lendo incansablemente literatura marxista e psiquiátrica. Afágalle a crítica máis esixente e é un personaxe sobranceiro nos ambientes artísticos de élite. En 1989 pinta o seu cadro Finisterre, único na súa obra relacionado coa súa cidade natal. Edítanse carpetas e libros cos seus debuxos. A súa insuficiencia respiratoria agrávase. En septiembre de 1992 ingresa nunha clínica madrileña, cunha complicación hepática. Falece o día 20 de dito mes, sen chegar a cumprir os 43 anos. A título póstumo recibirá o Premio Nacional das Artes Plásticas, poucos días despois do seu enterramento. A súa sona medra extraordinariamente. Museos e colecciones privadas dispútanse pola escasa obra. O Museo Nacional Centro Reina Sofía adícalle unha exposición antolóxica en 1998, e outra a finais do mesmo ano, o Centro Galego de Arte Contemporánea, en Compostela. A galería V.G.O de Vigo acolle unha breve mostra de Alcolea no 2001. Tamén a Fundación Argentaria inclúe na súa colectiva "El color de las vanguardias". Alcolea é un artista dificilmente clasificable. De raíz expresionista, sintetiza el barroquismo dese movemento eminentemente xermano nunha pintura case plana, deliberadamente chanfaina, chea de ironía. Certo xeometrismo preside as súas composicións, ás veces informalistas e sempre intensamente abstractivas. Absorbe peculiaridades de múltiples pintores, comezando polo seu amigo Gordillo, e o fin fai seu canto acolle. Non é rara a alusión ó cómic. Amplas zonas uniformes, contrastantes, en verdes, azuis, amarelos perfectamente recortadas, coma se fora un collage, aparecen nos seus cadros, moitas veces de grande formato, liñas mórbidas, caprichosas inscríbense en fondos neutros. Absolutamente anticonvencional, sorprendente, Alcolea é un artista persoal, de excepcional aprecio internacional.
Bibliografía
BONET, J. M.: Carlos Alcolea. Materiales para una biografía, CGAC, 1998, Santiago de Compostela.
BONET CORREA, A.: Figuracións, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1996.
GONZÁLEZ GARCÍA, A.: Carlos Alcolea, MNCARS, Madrid, 1998.
VV.AA.: El color de las vanguardias, Fundación Argentaria, 1993, Madrid.
VV.AA.: Arte en España, 1918 - 1994, en la colección de Arte Contemporáneo, Alianza Edit, 1994, Madrid.
VV.AA.: Diccionario de Pintores y Escultores españoles del siglo XX. Vol. 5., Edit. Forum Artis, 1994, Madrid.
DELARGE, J. P.: Dictionnaire des Arts Plastiques modernes et contemporains, Edit. Gründ, 2001, París.