ROBERTO GONZÁLEZ
González Fernández, Roberto
( Monforte de Lemos, 1948 )
Biografía
No seo da familia de Roberto González sempre houbo unha relación moi próxima coa pintura, co debuxo e coa fotografía; medrou familiarizado coa creación artística e desde moi novo realiza retratos dos seus familiares, á vez que se interesa polas civilizacións antigas. Tras descartar a carreira de Arquitectura, decide comezar Belas Artes e trasládase a vivir a Madrid, onde establece vínculos con outros artistas, ademais de obter bolsas para realizar viaxes de estudos a Roma e París.
A mediados dos anos 70 remata a carreira e realiza a súa primeira exposición individual de importancia. Viaxeiro incansable, a súa estancia en Edimburgo en 1977 supoñerá un punto de inflexión vital e profesional. Alí comeza unha actividade expositiva frecuente e mantén unha vida cultural moi activa con compañeiros españois, británicos e estadounidenses, ao mesmo tempo que traballa a pintura, pero sobre todo as obras a lapis, papeis nos que as relacións humanas centran a temática.
A década dos 90 supoñerá a consolidación da carreira de González, que celebra numerosas mostras a nivel nacional e internacional e realiza destacadas series da súa produción como Holyrood, Arriaza, Hope ou In Memoriam —esta última iniciada coa morte do seu pai en 1990 e aberta no tempo— que se incrementan cando realiza un díptico dedicado a algunha persoa que falece no seu contorno. De igual xeito, traballa diversas técnicas como a pintura, o gravado e a fotografía. Deixa atrás a etapa que dedicou á produción en lapis, ao tempo que se inicia en 1998 na escultura e en 2000 no mundo da animación dixital.
Nas dúas primeiras décadas de 2000 continúa coas súas viaxes, imparte charlas en diversas institucións, colabora con publicacións, traballa e combina técnicas tradicionais e dixitais e dedica a serie Dobremente vixiados a amigos virtuais que atopa ou reencontra nas redes sociais.
A produción de Roberto González encóntrase representada en distintas coleccións como a Academia de Belas Artes de San Fernando (Madrid), o Concello da Coruña, Calcografía Nacional (Madrid), o Centro Galego de Arte Contemporánea (Santiago de Compostela) ou a Kelvingrove Art Gallery (Glasgow), entre outras. Como se mencionou, a súa participación en exposicións foi e é constante, tanto a nivel individual coma colectivo, en España e Europa. Así mesmo, desde finais dos anos 90 organizou numerosas mostras virtuais.
Afundación conserva na súa colección cinco pezas de González nas que se observa o seu estilo hiperrealista. As súas creacións, agrupadas en series nas que traballa durante anos, alternan un carácter íntimo, como en Home ante a porta, na que leva a cabo un autorretrato. O xénero do retrato é un dos máis traballados por este autor, con outras nas que amosa a súa preocupación pola situación da sociedade occidental.
En Confusión IV recrea unha Torre de Babel cercada polas chamas. Inspirándose no clásico de Brueghel, o artista reflexiona sobre a ameaza aos pilares da civilización occidental e á liberdade de expresión, representadas nesta serie por edificios emblemáticos como museos ou bibliotecas. No exemplo analizado obsérvase nun primeiro plano a Ponte do Milenio que conduce á Tate Modern londiniense, mentres sobre ela unha Torre de Babel se ve cercada polas chamas.
Así mesmo, nestes fondos hai dous exemplos da famosa serie Holyrood, que agrupa trinta obras dedicadas á paisaxe que descubriría desde o seu domicilio Regent Terrace, en Edimburgo. Ante esas vistas posan persoas próximas que o van visitando de xeito que se constata a evolución da paisaxe e o paso do tempo.
Bibliografía
AMARO, C.: Las heridas pintadas del deseo. Galería Leandro Navarro, Madrid, 1992.
BUGALLAL, J. L.: Rubianes. Galería Artes, A Coruña, 1967.
BUXÁN, X. M.: Radicais libres. Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, 2005.
CALVO SERRALLER, F.: España. Medio siglo de arte de vanguardia. 1939-1985. Fundación Santillana, Ministerio de Cultura, Madrid, 1985.
CALVO SERRALLER, F.: Enciclopedia del Arte Español del S. XX. Mondadori, Madrid, 1991.
CASAÑA, A.: Un fotógrafo que llegó de la pintura. Galería Leandro Navarro – Galería Pardo Bazán, 1998.
COLEMAN, C.: «Un repaso a los realismos» en Tierra de nadie. Centro Cultural Villa de Madrid, Madrid, 1992.
CONDOR, M.: Si todo fuera dicho. Debate, Madrid, 1989.
COOPER, E.: The Sexual Perspective. Routledge&Kegan, Abingdon, Oxford, 1986.
FERNÁNDEZ-CID, M.: Imágenes de una memoria próxima. Centro Cultural Conde Duque, Madrid, 1998.
FERNÁNDEZ-CID, M.: «Imágenes y préstamos. Una forma de mirar» en Realidade. Realismos. Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, 1997.
GARRIDO MORENO, A.: Artistas Gallegos Pintores. Editorial Nova Galicia, Vigo, 2003.
LUCY SMITH, E.: The Male Nude in Art. Phaidon Ed., Londres, 1985.
MARQUÉS, J. C.: Roberto González Fernández. Universidad del País Vasco, Leioa, Bizcaia.
MARTÍNEZ DE MERLO, L. y INFANTE, J.: Víctimas del deseo. Debate, Madrid, 1991.
MAZORRA, J.: Los años ochenta. Tránsitos. Las Artes Plásticas. Ayuntamiento de Madrid, Madrid, 1989.
MAZORRA, J.: Roberto González Fernández. Galería Leandro Navarro, Madrid, 1987.
MAZORRA, J.: Roberto González Fernández. Kiosko Alfonso, A Coruña, 1989.
MAZORRA, J.: Autobiopintura. Caja Burgos, Burgos, 1994.
MAZORRA, J.: Formas de la vida privada. Caixa de Ourense e Museo Provincial de Lugo, Lugo, 1995.
VV.AA.: Cercanías. Museo Provincial de Lugo, Lugo, 1998.
KEMP, A.: San Francisco. Henderson Gallery, Edimburgo, 1980.