PABLO ORZA
Orza Pérez, Pablo
( Zamora 1971 )
Biografía
Nacido en Zamora, pronto se traslada coa súa familia á Coruña. Estuda Belas Artes na Universidade de Salamanca e a continuación realiza cursos de posgrao na Universidade Politécnica de Valencia. Amplía a súa formación artística cun programa de posgrao no Studio Arts Center Internacional de Florencia, grazas a unha bolsa da Fundación Caixa Galicia, e participa no II Taller de Arte Actual de Unión Fenosa impartido por Lucio Muñoz —cuxa utilización da madeira marcará ao novo artista—. Inicia a súa actividade expositiva nunha mostra colectiva en Casa Lis de Salamanca (1990) e a súa primeira individual ten lugar na Galería Abel Lepina de Vigo (1998); ao longo da súa traxectoria a súa obra será exhibida tanto a título individual como colectivo en España, Portugal, Florencia e Nova York. Atópase representado en coleccións como a de Abanca, Xunta de Galicia ou a da Fundación DEARTE. Crea en 2003 o Centro de Novas Tecnoloxías do Pico Sacro (TPS), de vocación multidisciplinar, co obxectivo de «propiciar o desenvolvemento dunha maior concienciación da natureza e modalidades do ser humano coa Terra».
Posuidor dunha curiosidade insaciable e un espírito innovador, subverte coa súa obra a orde establecida a través dunha maneira distinta de analizar a realidade. Afirma Javier Pérez Buján que o fío condutor da súa produción é «a idea da conectividade», que aborda desde distintas perspectivas: «a do ser humano consigo mesmo, cos demais e co mundo», en aras de establecer unha maior conexión entre arte e vida. Para comprender o seu traballo, é preciso ter presente que «afronta a tarefa artística como un ritual, unha mediación na que el, a modo de chamán, exerce de mediador, ilustrando as diferentes formas de conectividade que provocarían un cambio real en nós e na nosa relación co mundo», sostén Pérez Buján. Explora a colaxe, o debuxo, a pintura, a instalación, a fotografía, a escultura e tamén a música, nun singular e versátil traballo, definido pola liberdade; o abstracto convive co figurativo, o arriscado co sutil, e utiliza habitualmente materiais de reciclaxe. Entre os seus referentes atopamos a Thomas Hirschhorn, Jason Rhoades, Joseph Beuys, ou Cy Twombly, no seu emprego recorrente de —en palabras de Fátima Otero— «un grafismo no que conflúen a escritura, o grafiti, o automatismo, o xesto, a mancha ou a salpicadura».
Na Colección Afundación achamos doce obras do artista zamorano nas que predominan a colaxe e a ensamblaxe, en sintonía con esa idea de conectividade —teoría desenvolvida por Pérez Buján—. En Composición IX (1993), emprega papel recortado e tiritas de algodón para crear unha colaxe no que ecoa o latexado da natureza. A influencia de Cy Twombly apréciase claramente no lenzo Koro (de invierno) (1997), peza na que presenta a súa faceta máis pictórica. En Cumbres Borrascosas (1998), crea unha peza tridimensional que parece lembrar ás torres da Sacra Familia de Gaudí. Pranta das cruces (1999) sitúase nos límites entre a pintura e a escultura —algo habitual no seu traballo desde os seus comezos—, igual que os seus Arquitectuaciones (2001), nas que evoca unha paisaxe portuaria e unha xanela pechada. O resto das pezas da colección forman parte da serie Pequenos teatros abstractos (2004); son «retablillos» baseados na ensamblaxe de materiais de orixe humilde, como madeiras, teas, arames, cravos ou parafusos, que compón «para falarnos de ideas tan ambiciosas como a dunha relación nova co cosmos», apunta Pérez Buján.
Bibliografía
ANA Diz, Carmen Hermo, Pablo Orza, Susana Trillo, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1996.
COMPENDIO de conectividades: Pablo Orza, Centro Cultural Marcos Valcárcel, Deputación de Ourense, Ourense, 2011.
PABLO Orza, Fundación Caixa Galicia, A Coruña, 1998.
PABLO Orza, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1999.
OTERO, F.: El arte y su entorno, Editorial Compostela, S.A. / Fundación Caixa Galicia, Santiago de Compostela, 2008.
Obra
-
COMPOSICIÓN IX 1993
-
ARQUITECTUACIÓN Nº 6 (VENTANA) 2002
-
ARQUITECTUACIÓN Nº 3 (PUERTO DE TLÖN) 2001
-
PRANTA DAS CRUCES 1999