MOLDES
Rodríguez Moldes, Manuel
( Pontevedra, 12 de noviembre de 1949 - 3 de diciembre de 2017 )
Biografía
A súa infancia e mais a adolescencia transcorre na súa cidade natal, Pontevedra, onde se inicia no debuxo. En 1968 trasládase a Madrid para comezar os estudos de Arquitectura Técnica, e tamén traballa no taller de forxa da Escola de Artes e Oficios. Nestes anos introdúcese no ambiente artístico madrileño que o leva a decantarse profesionalmente polas artes plásticas. En 1970 realiza a primeira exposición individual na Sala de Información e Turismo de Pontevedra e participa nas mostras colectivas da praza da Princesa en Vigo, xerme do colectivo de Atlántica —grupo no que participará activamente ata a súa disolución en 1986. Na súa dilatada traxectoria realizou numerosas exposicións en Galicia, no resto de España e en Europa. Obtivo galardóns como a medalla de ouro da XXI Bienal de Pontevedra (1990) e o gran premio de honor do I Salón de Outono da Real Academia Galega de Belas Artes (1996). Profesor de Belas Artes da Facultade de Pontevedra e membro de número da Real Academia de BBAA de Galicia, a súa obra está presente en importantes coleccións como a do CGAC, Abanca, Museo de Pontevedra ou a do Museo Castrelos de Vigo, entre outras.
Na súa primeira etapa realiza unha pintura expresionista inspirada na action painting de Pollock ou De Kooning. O tríptico Presencias de Alfonso X (1983) marca unha evolución cara a unha pintura figurativa na que redimensiona o internacional, a través dos seus tres pintores predilectos, Goya, Picasso e Bacon, ao local, mediante unha reinterpretación do compoñente ancestral galaico cunha rotunda base de debuxo. Cara a finais dos oitenta explora un expresionismo naturalista de extremado primitivismo, cun compoñente máis matérico; a pintura adquire relevo e incorpora obxectos reais cotiáns, como madeiras, ferros ou elementos vexetais. A comezos dos noventa prodúcese unha depuración na súa pintura; busca unha maior pureza formal nunhas obras, que recollen o paso do tempo, a figura humana e a arquitectura. Arredor de 1996 prodúcese un drástico e arriscado cambio na súa produción debido ao seu interese por investigar a visión científica das imaxes microscópicas, as cadeas de ADN, e o mundo da imaxe pixelada procedente do mundo informático. A principios xa de 2000, volve recuperar a figuración barroca e a mitoloxía galaica que desde os seus inicios definiron a súa pintura, alternándoa con procesos abstractivos dunha suxestiva construción espacial e cromática.
Na Colección Afundación figuran seis obras do autor. As máis temperás, Ao galope (1983) e A traíña (1986), presentan unhas rechamantes composicións e unha factura arcaizante, na que predomina o trazo sobre a mancha, e nas que se mesturan lendas, imaxes do presente ou lembranzas do pintor. Casa en verde e Casa en amarelo —as dúas datadas en 1993— corresponden a catro versións que realiza dunha casa real situada en Poio coas luces das catro estacións do ano. Cunha linguaxe próxima ao cubismo, a arquitectura aparece humanizada; compaxina diferentes partes da edificación e combina os planos de tal forma que fiestras, escaleiras e portas semellan que se converten en trazos dun rostro que, ao mesmo tempo, se transforma nunha casa que cambia a aparencia a través da luz. Nas obras No peirao e Pasando o tempo no peirao —as dúas de 1996— destaca a presenza de elementos arquitectónicos para estruturar a composición. Nelas combina a beleza e o poder expresivo da pintura con obxectos reais. Créase así unha linguaxe persoal repleta de símbolos como a espiral, elemento recorrente na súa obra.
Bibliografía
VV. AA.: Un siglo de pintura gallega 1880/1980. Buenos Aires, Museo Nacional de Bellas Artes, 1984.
XXI Bienal de Arte. Pontevedra, Diputación, 1990.
Atlántica. Baiona, Madrid, Compostela, 1990-93.
II Mostra Unión Fenosa. A Coruña, 1991.
Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.